Allariz presume do seu primeiro 'parque infantil cuberto'

A Alcaldesa, Cristina Cid, deu conta dos Plans Municipais de dotación de espazos infantís. Lembrou a recente inauguración do parque cuberto e informou das melloras noutros espazos públicos da vila.

Por X.M. Fernández | Allariz | 08/04/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Allariz é un dos poucos concellos galegos pequenos que segue aumentando poboación e que conta cuns 600 nenos e nenas na actualidade. Mantén unha evolución ascendente e vén incrementando o padrón de habitantes nos últimos 30 anos. 

Presentación Plan de Parques. Foto: Prensa Allariz
Presentación Plan de Parques. Foto: Prensa Allariz

Na liña de ofrecer servizos para a veciñanza e aumentar as infraestruturas dedicadas á cativada, o concello inaugurou neste pasado trimestre "O parque da rúa Casa Lomberte", o primeiro parque cuberto de Allariz. Conta cunha superficie de 850 m2 e un investimento de 80.000 euros, dos cales 33.000 foron subvencionados pola Xunta de Galicia e o resto fondos propios do Concello.

Hai unhas semanas, quedou listo tamén o "Parque do Portovello", que sufriu unha renovación integra de todo o seu mobiliario e mantemento da zona na que está localizado, a beira do río Arnoia. As actuacións acometidas foron a reparación daqueles elementos danados e a substitución dos que estaban en mal estado, así como o pintado dos distintos aparellos e o recheo posterior da area. Unha renovación integral nos seus 370 m2 cun investimento municipal de 15.000 euros que dende hai uns días poden utilizar todas as crianzas que se acheguen ao recinto.

Ademais dos anteriores parques, a Alcaldesa anunciou tamén que é previsible que rematen as obras noutra zona lúdica infantil programada, o "Parque de Vilanova". Situado nun espazo privilexiado nas beiras do río Arnoia, sufrirá a renovación completa do seu mobiliario así como a ampliación con 100 m2 da superficie do parque, chegando aos 700 m2 cun investimento de 30.000 euros. 

OUTRAS OBRAS PARA O LECER FAMILIAR

Cristina Cid falou tamén da adecuación dun novo espazo de xogo, a Praza de Modesto Seara, que albergará unha zona para xogos tradicionais; informou que seguen avanzando nos traballos do proxecto técnico do Monte O Xardín, que pretende levarse a cabo nesta anualidade. Un espazo que se axeitará para que a cidadanía de Allariz poda gozar dun espazo novo de esparexemento.

Así mesmo, nos parques situados nas zonas de San Bieito e do Centro Médico acometeranse melloras na seguinte fase de intervencións, para a cal os responsables municipais piden a comprensión e cooperación por parte dos seus potenciais usuarios e usuarias así como que se respecten as normas de aforos nos parques.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta