Pontón reclama "investimentos e prazos concretos" na reunión entre Feijóo e Ábalos

"Queremos cifras, queremos datas e queremos ver as licitacións publicadas no BOE", di a líder nacionalista, que asegura que "o BNG non permitirá máis discriminacións nin agravios con Galicia".

Por E.P. | LUGO | 09/04/2021 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclama que a reunión entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Transportes, José Luís Ábalos, termine con "investimentos, prazos concretos e licitacións no BOE".

"Esperemos que esta vez a reunión acabe con compromisos, con investimentos e con prazos concretos en materia de infraestruturas que levan anos de atraso", sostén. "Queremos cifras, queremos datas e queremos ver as licitacións publicadas no BOE e non declaracións protocolarias, titulares e fume", agrega a líder do Bloque.

"Desde o BNG non imos permitir máis discriminacións nin agravios con Galicia, en cuestións como o AVE, a AP-9 ou o Porto Exterior da Coruña". Así se expresou este venres en Burela, onde participou nun encontro co sector pesqueiro da Mariña. A este respecto, avisa de que non ve de recibo que o Estado asuma a débeda do Porto de Valencia, de 300 millóns, "pero se negue a facer o mesmo co Porto da Coruña". "A resposta é que non hai ningunha razón, e que se hai vontade política daráselle a Galicia o mesmo trato", afirma.

Neste sentido, Pontón advirte de que estarán "moi atentas" ao resultado da reunión, pois deixa claro a PP e PSOE que o Bloque "non se vai quedar mudo se pretenden pactar unha nova discriminación neste país".

Ana Pontón nunha reunión co sector pesqueiro en Burela. BNG
Ana Pontón nunha reunión co sector pesqueiro en Burela. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta