G. Caballero reivindica un "galeguismo integrador" contra o "separatismo" do BNG e o "inmovilismo" do PPdeG

Ofrece a Feijóo chegar a un acordo sobre os fondos Next Generation.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2021 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu a reivindicar o papel do Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1981, como base para "camiñar cara ao futuro" e chamou a afrontar a súa reforma despois da pandemia para "fortalecer a autonomía e o autogoberno" e xerar "novos dereitos e liberdades para os galegos e galegas do século XXI".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa ofrecida este luns. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa ofrecida este luns. PSDEG | Fonte: Europa Press

Deste xeito, emprazou ao PP e BNG a "deixar o maximalismo" das posicións "inmovilistas" dos conservadores e do "separatismo e autodeterminación" dos nacionalistas para conseguir un "gran acordo en base a un galeguismo construtivo e integrador no que todos os galegos estean cómodos".

Así, lembrou a xornada do pasado sábado na que participaron o exministro de Xustiza Francisco Caamaño e o catedrático de Dereito Político da USC Ramón Máiz para reivindicar un proxecto de "galeguismo integrador", que aposta polo autogoberno a partir dunha posición "autonomista, galeguista e federalista".

NEXT GENERATION

Tamén ofreceu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que acepte a "man tendida" dos socialistas galegos para acordar os proxectos que opten aos fondos europeos Next Generation.

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, o dirixente do PSdeG considerou necesario superar a "opacidade, falta de rumbo e de compromiso" mostrados polo Goberno galego que, na súa opinión, obtén un "suspenso clamoroso" nesta cuestión.

"Non podemos perder o tempo, Galicia ten que aproveitar a oportunidade", subliñou o socialista, que lembrou que o vindeiro mércores, día 21 de abril, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, volverá comparecer na comisión de reactivación, un órgano que "xa excedeu o escaso prazo" que o PP e o BNG acordaran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta