175 anos dos Mártires de Carral: a revolta armada galega que rematou nun baño de sangue

Logo de ser apresados polo exército de Isabel II, os sublevados galegos foron executados en Carral sen ter recibido sequera xuízo. A Plataforma Vía Galega lembrará a súa memoria cun acto este sábado.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Foi o 26 de abril de 1846 que os galegos insurrectos comandados polo xeneral Solís resultaron executados logo de protagonizar un enfrontamento armado contra as tropas españolas. A cita histórica, da que logo se cumprirán 175 anos, contará coa lembranza da Plataforma Vía Galega, que vén de anunciar a organización dun acto público en conmemoración deses soldados que faleceron fusilados en Carral sen ter recibido un xuízo xusto.

Monumento aos Mártires da Liberdade de Carral.
Monumento aos Mártires da Liberdade de Carral.

A concentración en recordo terá lugar o sábado 24, ás 12:00 da mañá, e contará, entre outros, coa intervención do artista Xurxo Souto. Segundo apuntan dende Vía Galega, o obxectivo da concentración pasa por lembrar os acontecementos de 1846 facendo fincapé na posición de rebeldía deses intelectuais galegos que se ergueron en armas para “loitar contra a posición subordinada á que fora sometido, política e economicamente, o noso país baixo a ditadura do xeneral Narváez”. 

Tal e como apuntan dende a plataforma o 'movemento insurrecto' no que participaron, entre outros, Antolín Faraldo, protagonizou ao longo dun mes “diversos combates contra as tropas enviadas para sufocar a idea de erguerse contra  Goberno español absolutista”. A orixe das protestas, explican dende Vía Galega, había que procuralas na “imposición dun sistema tributario centralizador e discriminatorio para as clases populares”.

INFLUENCIA NO GALEGUISMO

Este modelo fiscal que rematou por prender a Faraldo, Solís e outros prendeu tamén a faísca do enfrontamento armado por ter sido introducido nun momento no que parte da clase intelectual de Galicia comezaba a tomar conciencia de país coincidindo co espallamento das teses románticas por Europa. Aínda que o levantamento foi sufocado polas armas, os feitos de Carral “quedaron gravados na memoria colectiva e foron xermolo do galeguismo do Rexurdimento e do nacionalismo das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista”.

Proba desta lembranza é o monumento aos Mártires da Liberdade, que se ergue no centro da vila de Carral dende 1904, cando foi construído a iniciativa da Liga Galega da Coruña. O monumento aos mártires, como a súa propia memoria, forma parte tamén do imaxinario dos homes da Xeración Nós, en particular no caso de Ramón Otero Pedrayo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta