Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2021 | Actualizada ás 13:59
As sete grandes cidades concentran o 42% da renda galega, segundo a renda municipal dos fogares que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE) e, outro, o de Oleiros, é o preferido polos máis ricos para vivir. Cunha renda por habitante de 22.959 euros en 2018, segue como o que ten unha maior renda de Galicia, este ano un 51,7% superior á media galega (15.132 euros).
Un 36% dos habitantes da comunidade galega reside nos sete concellos máis poboados, o cal ten influencia sobre a repartición da renda municipal, non só pola relación entre o número de habitantes e a renda total dun municipio, senón porque tamén dá a idea da concentración das actividades produtivas, xeradoras de renda e emprego, que actúan como elemento de fixación de poboación.
De feito, a renda total dos residentes na Coruña e Vigo supón o 23% do total da renda (e o 19,6% da poboación). Outro seis concellos teñen unha renda media por habitante que supera en 15 puntos ou máis á media galega en 2018: A Coruña, Santiago, Bergondo, Nigrán, Ourense e As Pontes. Os de Teo, Lugo e Pontevedra completan os 10 con máis renda por habitante.
SALARIOS
En 2018, a remuneración de asalariados é a principal fonte de renda de 216 concellos galegos (o 69%). Desde 2013 está a incrementarse o número deles cuxa principal fonte de renda son os salarios, feito que está moi relacionado co incremento da actividade económica rexistrada en Galicia desde ese ano.
Con todo, en 95, sobre todo das provincias de Lugo e Ourense, son as prestacións sociais as que achegan un maior volume de recursos, aspecto moi vinculado ao envellecemento da poboación.
No período 2010-2018 hai catro consistorios nos que a principal fonte de renda son as mixtas, é dicir, a remuneración do traballo non asalariado: Friol, A Pastoriza, Portomarín e A Illa de Arousa.
En toda Galicia, as cotizacións sociais pagas cobren o 66,6% das prestacións sociais que reciben os galegos. Só en oito concellos: Ames, Arteixo, Brión, Cambre, Culleredo, Oleiros, Oroso e Salceda de Caselas son maiores as cotizacións sociais pagas que as prestacións sociais recibidas polos residentes.
Por comarcas, as da Coruña e Santiago son as que presentan unha maior renda bruta por habitante e as únicas que superan os 17.000 euros.
VIVEN DAS PRESTACIÓNS SOCIAIS
Nas comarcas dos Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, Terra de Caldelas e Terra de Celanova as prestacións sociais que reciben os fogares son a principal fonte de renda.
Por outra banda, o concello con maior PIB por habitante, Cervo, atópase tamén por encima da media galega en termos de renda por habitante.
No entanto, o municipio con maior renda por habitante, Oleiros, ten un PIB por habitante inferior á media, e en nove consistorios tanto renda como PIB por habitante superan a media galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.