O PSdeG insta á Xunta a evitar que os Franco leven a Madrid bens BIC do Pazo de Meirás

"Non se pode permitir que a familia Franco, autora do maior espolio da nosa historia, pretenda facerse co patrimonio do pazo", denuncia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2021 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

A deputada do PSdeG Noa Díaz presentou unha iniciativa no Parlamento galego para esixirlle á Xunta que empregue "todos os medios ao seu alcance" para evitar que a familia Franco retire os bens de interese cultural (BIC) e calquera outro "de especial importancia patrimonial" do Pazo de Meirás.

Segundo explican os socialistas nun comunicado, a Consellería de Cultura debe poder preservar estes bens e "garantir que van permanecer" en Galicia "mentres a xustiza actúa". "Non se pode permitir que a familia Franco, autora do maior espolio da nosa historia, pretenda facerse co patrimonio do pazo, que nunca foi seu e si de todos os galegos e galegas", asegura Díaz.

Por iso, o Grupo Socialista reclamará á Xunta, cunha iniciativa parlamentaria, que faga valer a protección dos bens declarados BIC --como é o caso das estatuas de Abraham e Isaac-- e empregar "todos os medios ao seu alcance" para impedir o traslado do resto que conteñan algún tipo de valor.

E é que os herdeiros do ditador xa solicitaron formalmente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Administración galega a retirada tanto das estatuas como da biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán --neste caso, a súa declaración como BIC atópase aínda en trámite--, despois de que a Audiencia Provincial da Coruña obrigase ao Estado a devolver os bens accesorios de Meirás porque non solicitara a súa titularidade no proceso para recuperar Meirás.

Neste contexto, a socialista Noa Díaz lembra que a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia obriga á Xunta a "garantir a protección" dos BIC, o que pasa por "impedir a súa mobilidade".

Pazo de Meirás / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press
Pazo de Meirás / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta