O PP galego cre que as eleccións madrileñas foron o "principio da fin" da presidencia de Pedro Sánchez

Consideran que foi "o gran derrotado" neses comicios autonómicos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/05/2021 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, asegurou que o "gran derrotado" das eleccións madrileñas foi o presidente do Goberno e líder socialista, Pedro Sánchez, e que os comicios do 4 de maio supoñen "o principio da fin" do seu tempo á fronte do Executivo estatal.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado | Fonte: Europa Press.

Para Tellado, o resultado das eleccións na Comunidade de Madrid "consolidan" a "nova etapa na política española" que se abriu o pasado mes de xullo coa renovación por cuarta lexislatura consecutiva da maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo en Galicia e na que o PP "está chamado" a recuperar a Moncloa.

E é que, segundo o secretario xeral dos populares galegos, o "gran derrotado" das madrileñas é Sánchez, quen "fracasou" co seu intento de "conspirar" contra gobernos do PP en Murcia, Castela e León e Madrid "en plena pandemia".

"O gran derrotado e fracasado das eleccións foi Sánchez. Estamos ante o principo da fin de Sánchez, a súa curva electoral tocou teito e só o veremos caer", aseverou, antes de sentenciar que o PSOE e "os populistas" foron "duramente castigados polos madrileños como hai un ano o foron polos galegos".

Por tanto, vaticinou a "fin" do "ciclo" dun goberno "moroso" que "aínda non explicou como vai pagar" ás comunidades autónomas o diñeiro que lles debe pola liquidación do IVE e tamén, segundo Tellado, "mentireiro" porque "ocultou durante 15 días o seu plan de recuperación, que máis que iso é un plan de recortes, para que non afectase os seus resultados" en Madrid.

Fronte a isto, Tellado erixiu ao seu partido como a "única alternativa" ao Goberno de Sánchez. "Cando o voto do centro dereita aglutínase no PP, o PSOE perde", sentenciou antes de incidir en que o "reloxo do cambio está en marcha" para que o PP recupere o Executivo do Estado "e volver ter un goberno á altura das circunstancias" que "non dependa dos extremistas".

FEIJÓO E AYUSO

Cuestionado sobre as supostas diferenzas entre os dicursos de Feijóo e Díaz Ayuso, o 'dous' do PP galego negou que dentro do PP coexistan "dous modelos distintos" e que "é máis o que une" ao galego e á madrileña que o que lles separa.

Ao seu xuízo, ambos "souberon facer chegar" aos cidadáns "os principios do partido" adaptándose ás características dos seus territorios e que a proposta foi apoiada de forma maioritaria nas urnas.

"Hai un único partido e unha tendencia política reflectida nas galegas e nas madrileñas", remarcou Tellado antes de volver sobre a "responsablidade intelectual" do presidente Sánchez nos resultados do seu partido o pasado martes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta