“Os universitarios sufriron considerables problemas psicolóxicos durante o confinamento, máis as mulleres”

O 72 por cento dos universitarios considera que a pandemia e o confinamento empeoraron a súa saúde mental, segundo os resultados definitivos dun estudo revisado de investigadores da USC.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Os estudantes universitarios experimentaron considerables problemas psicolóxicos durante o confinamento, con maiores taxas de dificultades emocionais en mulleres e estudantes de grao que en homes e posgraos, respectivamente”. Esta é a principal conclusión á que chegou un grupo de investigadores da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tras estudar case un milleiro de casos.

Exames na Universitat de València
Exames na Universitat de València | Fonte: UV.

O estudo, agora revisado e publicado na revista científica Frontiers in Psychology, analizou o impacto psicolóxico da crise da covid-19 nos universitarios, unha poboación universitaria sobre a que, segundo os responsables da investigación, non se sabe moito sobre a súa vulnerabilidade psicolóxica no contexto da pandemia.

Os investigadores examinaron diferentes indicadores de saúde mental nos estudantes, as principais fontes de estrés percibidas por estes en relación coa crise da covid-19 e as estratexias para facerlle fronte. Os datos foron recollidos mediante unha enquisa en liña na que tiveron que cuantificar o seu nivel de ansiedade, depresión, irritabilidade e cambio de autopercepción da súa saúde mental durante o confinamento.

“Os resultados indicaron que os estudantes experimentaron considerables problemas psicolóxicos durante o confinamento, con maiores taxas de dificultades emocionais en mulleres e estudantes de graduación que en homes e posgraos, respectivamente”, destacan os investigadores da USC.

Os niveis de ansiedade, depresión e irritabilidade descritos polos propios estudantes son “relativamente altos”, o que “indica un alto nivel medio de trastorno emocional”, sinalan os autores.

Concretamente, o 38,8 % mostrou ansiedade moderada e o 22,4 %, ansiedade grave. En canto á escala de depresión, o 23,4 % mostrou síntomas moderados, no 25,2 % foron moderadamente graves e no 17,2 %, graves.

Ao comparar as taxas de ansiedade e depresión entre sexos, atoparon “diferenzas significativas”. Para a depresión, o 68 % das mulleres e o 58,8 % dos homes mostraron impactos preocupantes. Pero tamén se observaron diferenzas por nivel de estudos universitarios, sendo as taxas de ansiedade maiores en estudantes de grao (63,5 %) que nos de posgrao (45,1 %) e doutoramento (46,7 %). Para a depresión, as taxas foron 68,3, 47,9 e 50 %, respectivamente.

As puntuacións dos cambios autopercibidos polos propios estudantes indican que “a maioría considera que a súa saúde mental realmente cambiou durante a crise da covid-19”. En termos porcentuais, o 14,7 % percibiu que era moito peor, o 57,5 % peor, o 22,7% non percibiu ningún cambio, o 4,2% percibiu que era mellor, e só o 1% declarou sentirse moito mellor.

MAIOR PREOCUPACIÓN POLOS ESTUDOS QUE POLA SAÚDE

Os universitarios relacionan a angustia psicolóxica autopercibida principalmente con varios estresantes, como o seu futuro académico, a sobrecarga de tarefas, o empeoramento dos conflitos interpersoais e restricións do contacto social. Porén, esa angustia relaciónase “moito menos” coa propagación da enfermidade e as súas consecuencias para a saúde.

“En xeral, os resultados suxiren que a saúde psicolóxica dos estudantes se viu substancialmente afectada pola situación covid-19 e que os cambios académicos e relacionais foron as fontes de estrés máis salientables”, explican.

En canto ás estratexias de afrontamento, observaron que “a participación en actividades de desvinculación (distraerse e relaxarse) foi a máis empregada polos estudantes durante a corentena, mentres que a estratexia de estruturas/rutinas saudables foi a menos empregada”, o cal parece evidenciar esa relación maior das súas angustias coa situación académica que coa saúde.

Os autores da investigación consideran que os seus resultados “reforzan a necesidade de controlar e promover a saúde mental en estudantes universitarios para aumentar a resiliencia en tempos de crise”.

O estudo forma parte do proxecto COnVIDa-20, que ten como obxectivo identificar as necesidades e retos psicosociais, ademais das habilidades e recursos, dos estudantes universitarios españois durante a pandemia da covid-19

Unha gran porcentaxe dos estudantes enquisado (56 %) volveu á casa dos seus pais durante a pandemia e informou que vivía con persoas de alto risco covid-19 (83,4 %) e algúns mesmo que formaban parte da propia poboación de alto risco (15,1 %). Aínda que a maioría dos participantes non sufriran a covid-19, o 22,8 % si tiña achegados contaxiados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Un traballo moi interesante, que poderá aumentar o seu valor cando sexa posíbel completalo co estudo da ansiedade e depresión do persoal sanitario, o dos supermercados e gasolineiras, o do transporte,...