Allariz 'incentiva e premia' o uso do galego no comercio

“Eu merco en Allariz, eu merco en galego” será o lema da campaña de normalización lingüística que impulsa o concello para fomentar o uso do galego entre comerciantes, provedores e clientes.

Por X.M. Fernández | Allariz | 12/05/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A iniciativa, que parte da Área de Normalización Lingüística e da Área de Promoción Económica, Comercio e Turismo do Concello de Allariz, está dirixida ao sector comercial e o obxectivo é,  por un lado, conseguir que se atenda á clientela e provedores preferentemente en galego e que todos os rótulos, carteis e publicidade, xunto con elementos exteriores, estean tamén na lingua de Rosalía.

Cartel da campaña
Cartel da campaña

A campaña, que busca poñer en valor o galego nas transaccións comerciais e animar a quen non fai uso del para que o colla como costume, está dirixida tamén a promover as compras no comercio local cun incentivo económico.

Todas as persoas que realicen compras entre o 14 e o 18 de maio nos establecementos de Allariz que se acollan á campaña, recibirán un adhesivo e poderán optar a dous premios de 100 euros para mercar no comercio local e tamén dous lotes de libros de Xela Arias, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

SERVIZO DE APOIO LINGÜÍSTICO

Desde a Área de Normalización Lingüística, poñen a disposición o correo electrónico normalizacion@allariz.gal para todo o sector comercial de Allariz, no que poderán enviar aquelas dúbidas que poidan ter respecto ao galego e ao seu uso nas relacións comerciais.

Concello de Allariz
Concello de Allariz | Fonte: GC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta