A mina de Cerceda xa é un lago de dominio público hidráulico

A superficie que ocupa a auga almacenada son 230 hectáreas, é un dos compromisos derivados da explotación da antiga mina de lignito, que agora "xerou un gran espazo protexido de biodiversidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

O proxecto de rehabilitación ambiental da antiga mina de lignito en Cerceda culminouse coa transferencia, por parte de Naturgy, do Lago de Meirama-As Encrobas ao dominio público hidráulico, tras a aprobación e comprobación por parte de Augas de Galicia do deslinde en todas as marxes.

Segundo informou a empresa, a partir desta semana, os veciños de Cerceda, e todos os galegos en xeral, contarán cun novo espazo natural de libre acceso que suma unhas 230 hectáreas, que inclúe o lago artificial e a súa praia, así como as marxes da contorna. A compañía enerxética acondicionou os accesos desde a senda do río Barcés na zona do aliviadoiro do lago, cun paseo perimetral de 6,5 quilómetros.

A creación do Lago Meirama no val das Encobras, Cerceda  é unha das maiores actuacións de rehabilitación ambiental realizadas en España, segundo destaca a empresa. É un dos compromisos derivados da explotación da antiga mina de lignito, que agora "xerou un gran espazo protexido de biodiversidade que suporá un impulso ao desenvolvemento económico, turístico e ambiental da zona, polo valor natural do espazo creado".

O proxecto, que contou cun investimento de 60 millóns de euros, recupera o espazo afectado pola actividade mineira coa creación dun gran lago, de 2,2 quilómetros de lonxitude e un quilómetro de anchura (171 hectáreas) no antigo oco da mina, e a reforestación dos terreos e dos depósitos de estériles de mina.

O Lago de Meirama-As Encrobas conta cun espazo de biodiversidade, coa plantación de máis de 450.000 árbores nos terreos da antiga explotación mineira. O exhaustivo inventario zoolóxico e botánico levado a cabo polo equipo de especialistas da Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, da Universidade de Santiago de Compostela, identificou un total de 862 especies animais e vexetais, das que o 5% son endémicas e con especial valor de conservación. Todas as especies animais, e boa parte das vexetais, repoboaron a zona de forma natural, sen que mediase a acción humana.

FUTURO RESERVORIO DE AUGA

Segundo explicou a empresa, a boa calidade das augas do Lago Meirama e o seu enclave estratéxico en cabeceira de conca do río Barcés, que abastece o encoro de Abegondo-Cecebre, convérteo nun reservorio de auga para o municipio da Coruña e a súa comarca.

Meirama é o primeiro caso do mundo dun lago destas características que ten potencial para ser usado para o abastecemento a grandes poboacións sen mediar un tratamento intensivo previo das súas augas, di Naturgy.

De feito, esta empresa, en colaboración co Grupo Enxeñaría da auga e do Medio Ambiente (Universidade da Coruña) levou a cabo, desde o inicio do enchido do lago, "un estrito control da calidade das augas, cun rexistro de máis de 600.000 datos".

En setembro de 2013, Augas de Galicia autorizou o proxecto de regulación do lago mineiro para o seu aproveitamento como reservorio de auga para a cidade da Coruña e a súa área de influencia, co obxectivo de reforzar o sistema de abastecemento da comarca coruñesa cun volume adicional aproximado de 24 hectómetros cúbicos.

Augas de Galicia concluíu a primeira fase deste proxecto de regulación. A explotación da mina de Meirama iniciouse en 1980 e concluíu en 2008, tras fornecer 94 millóns de toneladas de lignito á central térmica de Meirama. O compromiso ambiental de Naturgy para a rehabilitación dos terreos vén do ano 1985.

Central térmica de Meirama. NATURGY - Arquivo
Central térmica de Meirama. NATURGY - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta