Pontevedra prepara as súas festas de verán coas restricións do ano pasado

Adiántanse así un mes as Festas de Verán co obxectivo de ampliar o número de actividades e espacialas durante toda a tempada.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 18/05/2021 | Actualizada ás 21:07

Comparte esta noticia

O próximo mes de xuño arrinca a programación festiva do verán no Concello de Pontevedra que, en principio, desenvolverase de forma similar ao ano pasado, coas restricións de aforamento e demais medidas de seguridade que impón a situación sanitaria.

A concelleira responsable das festas, Carme da Silva, sinalou que esa é a previsión a día de hoxe. "Estamos a traballar na hipótese máis desfavorable", razoa, aínda que isto podería cambiar segundo a evolución da pandemia e a vacinación da poboación.

Deste xeito, adiántanse así un mes as Festas de Verán co obxectivo de ampliar o número de actividades e espacialas durante toda a tempada. Inicialmente, os técnicos municipais do departamento de Cultura traballan coa idea de establecer espazos con público sentado e coa distancia marcada pola normativa actual.

Da Silva informou, en rolda de prensa, que a programación de concertos xa está pechada, na súa gran maioría con artistas galegos co obxectivo de "inxectar diñeiro no sector cultural galego e local", polo que tamén haberá un bo número de actuacións de grupos pontevedreses e de municipios veciños.

En canto a atraccións feirais "a día de hoxe" non se pode "contar con elas", indica Da Silva, do mesmo xeito que a maioría de municipios, coas normas establecidas pola Xunta sería preciso contar cun perímetro pechado, control de acceso e restrición en cada unha das atraccións. "Se cambian a situación e pódense facer sen risco, imos tentar facer o que sexa necesario", indicou a concelleira.

Durante o pasado verán desenvolvéronse máis de 300 actividades durante as festas con capacidade de público controlada. Nesta ocasión novamente prográmanse actividades "descentralizadas" polos barrios e parroquias do municipio.

Palco das festas da Peregrina no que actuou Fangoria
Palco das festas da Peregrina no que actuou Fangoria | Fonte: Rosa Lameiro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta