600 empresas do sector forestal recibirán formación para evitar riscos coa avespa velutina

O instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia realizará accións formativas para ensinar como evitar ou afrontar riscos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

Unhas 600 empresas do sector forestal participarán en cursos de formación organizados polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para saber como tratar ante a aparición de niños de avespa asiática ou velutina.

Estas accións formativas, segundo informa este xoves a Xunta, forman parte da campaña divulgativa orientada a entidades públicas, empresas e persoas traballadoras do sector forestal e de centros especiais de emprego que desempeñan traballos de xardinaría. Así as cousas, os participantes recibirán documentos explicativos que recollen recomendacións preventivas ante a aparición de niños de avespa asiática e como desempeñar as tarefas en condicións de seguridade.

A primeira das recomendacións é controlar de forma "exhaustiva" a zona onde se desenvolverán os traballos, xa que pode haber niños entre a maleza que son difíciles de localizar. No caso de atoparse cun, o Issga chama a manter unha distancia duns 5 metros e evitar provocar danos ou golpear tanto o niño como ás avespas. O seguinte paso é sinalizar a zona para, a continuación, avisar aos compañeiros de traballo do achado e dar parte ao teléfono '012'.

Se se produce un ataque, recomenda buscar refuxio, non realizar movementos bruscos para espantalas e evitar na medida do posible que as picaduras afecten a zonas sensibles, como os ollos. A Xunta lembra que as persoas traballadoras alérxicas ás picaduras deben portar medicación idónea ao lugar de traballo para administrarse en caso de ser preciso.

Vespa velutina avespa asiática. EUROPA PRESS - Arquivo
Vespa velutina avespa asiática. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta