Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 12:13
Un traballador da CRTVG vén de demandar ao ente público polo acoso ao que, segundo apunta, leva sometido “dende hai anos” “por ser homosexual”. Fito Ferreiro, reporteiro gráfico na corporación pública galega, denuncia así a situación de “mobbing e LGBTIfobia” que, apunta, vén sufrindo tamén pola súa “actividade sindical e política”, unha cuestión á que se sumaría a súa orientación sexual.
Por iso, este traballador da TVG vén de anunciar a interposición dunha demanda perante o xulgado do social número 2 de Santiago de Compostela. O xuízo quedaría así marcado para o próximo 15 de xuño. Fontes de CCOO, o colectivo Alas Coruña e a FELGTB sinalan que este trámite chega despois de que Ferreiro remitira un escrito á Dirección de Recursos Humanos do ente público e interpuxera unha denuncia previa ante a comisión de acoso da CRTVG.
“Fago pública esta situación de acoso, mobbing e LGTBIfobia para visibilizar a fustrigación que sufrimos as persoas LGTBI na nosa contorna laboral. E para animar a todas as persoas que sofren acoso por LGTBIfobia no traballo a que se animen a visibilizar o seu problema”, afirma o reporteiro gráfico, que cifra no 70% as persoas LGTBI que sufriron situacións de acoso dentro do ámbito laboral e no 60% as que se viron rexeitadas polos seus compañeiros e compañeiras. Porén, “só un 10% se atreve a denuncialo”, engaden aludindo un estudo “realizado por fontes sindicais no ano 2019”.
A CRTVG NEGA DISCRIMINACIÓN
Fontes da CRTVG sinalan o seguinte ao respecto: "A CRTVG quere expresar o seu máximo respecto coa orientación sexual de todas as persoas, traballen ou non na CRTVG. Este é un feito que estimamos está fóra de toda dúbida", sinalan. A respecto do caso concreto de Ferreiro, explican que a cuestión formulada "foi tratada de forma interna con todas as garantías de procedemento na 'Comisión fronte ao acoso' e non se atoparon motivos de discriminación de ningún tipo. Agora o tema segue a vía admistrativa que a CRTVG non pode facer outra cousa que respectar".
Ferreiro asegura que comezou a vivir este acoso a partir de 2005, cando se aprobou a lei de matrimonio igualitario. “Eu levaba no activismo LGTBI desde 1998, pero foi ese ano cando dei un salto como activista, pasando a ser entrevistado por medios locais, galegos e nacionais”, explica. De acordo co demandante, é precisamente nese momento en que empeza a súa exposición pública que a TVG deixa de envialo a facer reportaxes, viaxes e eventos especiais, algo que facía con asiduidade ata entón, e destínano ao Telexornal mediodía, con horario de 7.30 a 15.00.
DISCRIMINACIÓNS DENUNCIADAS
Ademais, a partir dese momento asígnanlle só noticias das denominadas “de cor”, informacións secundarias que ían desde o número 27 cara abaixo na escaleta dos informativos. Tamén desde ese ano 2005 deixaron de encargarlle substitucións por enfermidade e vacacións na delegación da Coruña da TVG, uns traballos que viña realizando desde finais dos 90.
A isto engadiríase que Ferreiro tramitou varias peticións de traslado urxente á delegación coruñesa nos últimos anos para poder coidar ao seu pai, cunha dependencia do 69%, e que terían quedado “sen resposta”. Mentres tanto, explica, oito reporteiros gráficos como el foron asignados a esta delegación en comisión de servizo e outros compañeiros realizan substitucións de forma habitual. Tamén existe persoal contratado no seu mesmo posto de traballo. “Pódese dicir que cortaron a miña carreira profesional”, afirma Ferreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.