A axenda mental dos políticos

O pasado xoves asistín como público á xornada, organizada pola Asociación Galega de Editores, dedicada a falar das Bibliotecas e o seu futuro no entorno dixital. Entre outras conclusións, volveu quedar moi claro que os políticos non entenden, nin lles preocupan, as bibliotecas.

Por Francisco Castro | Vigo | 19/11/2013

Comparte esta noticia
Gustei moito da intervención de Jordi Permanyer Bastardas, xerente das Bibliotecas da Deputación de Barcelona. Comezou dicindo algo demoledor. Mais moi certo. A súa frase inicial foi afirmar que a creación de bibliotecas non está na axenda mental dos políticos. E eu, desa frase, quedei cavilando sobre esa expresión brillante: " a axenda mental dos políticos".
 
Nas axendas, de papel ou electrónicas, anotamos as cousas que temos que facer, eses asuntos que son, porque así os consideramos xa que os anotamos, indispensables e de obrigado cumprimento. Isto é así e, dalgunha maneira, enténdese que todo o que está fóra da axenda non é tan importante e pode ser atendido en calquera outro momento ou, sen máis, esquecido (non figura na axenda).
 
E as bibliotecas non están na axenda mental dos políticos. Na súa axenda hai outras cousas. Facer bibliotecas, nutrilas, coidalas...aínda que é unha das súas obrigas, non o levan anotado na cabeciña. Non é. Non está.
 
Na axenda mental dos políticos só hai unha anotación: Defender a toda costa, por enriba de todo, o sistema capitalista. Non teñen máis ocupación. Defender o modelo capitalista ainda a costa da xente, das súas vidas ou a súa liberdade.  Defender o capitalismo suprimiendo calquera gasto que o pensamento naziliberal que nos goberna considere prescindible e a borrar da axenda. A cultura, sen dúbida, é un dos asuntos prescindibles para eles. Un deses gastos que non hai nin que ter nin manter. 
 
Non direi todos, mais a día de hoxe, a ocupación case que única de moitos políticos é a de "xestionar". En definitiva: non facer política. Porque facer política implica tomar decisións para mellorar a vida da cidadanía. E, como marca a axenda, as únicas decisións que se toman é para ver como axudar a manter este capitalismo analfabeto que non pisa a biblioteca. Só iso na axenda. E máis nada. Absolutamente nada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro