Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/06/2021 | Actualizada ás 18:37
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, confirmou este mércores que o Goberno galego autorizou os traballos de prospección e estudo para tentar localizar os restos da Torre de Teodomiro, un castelo da Idade Media que está catalogado como ben de interese cultural (BIC) desde 1949 e recollido no plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Aranga, pero que ata agora ninguén situara no mapa.
Así o trasladou en resposta a unha pregunta da deputada Mercedes Queixas, do BNG, sobre o posible achado destes restos arqueolóxicos no Monte do Gato da comarca de Betanzos, onde as empresas Greenalia e Galenergy proxectan seis parques eólicos con 40 aeroxeradores e unha potencia que rolda os 200 megawatts.
"Existe un BIC, ninguén o dubida, a cuestión é onde", sinalou Rodríguez, que confirmou que "se está investigando" e que se deu autorización para examinar "a pé de campo" os posibles restos, e as evidencias toponímicas.
Neste sentido, pediu tranquilidade á espera dos resultados do proceso e deixar traballar aos técnicos "con rigor arqueolóxico". No caso de que se confirme o achado, Rodríguez asegurou que o emprazamento terá "protección patrimonial" vinculada á lexislación BIC.
"De non facelo sería unha ilegalidade", sinalou, polo que "calquera intervención na contorna" no caso de que se constate e verifique a aparición destes restos "terá que estar sometido ao control arqueolóxico" e aplicaranse "todas as ferramentas xurídicas existentes".
En todo caso, o titular de Cultura lembrou que este elemento aínda "non está localizado fisicamente no territorio" e considerou "dificilmente cuestionable o compromiso do Goberno coa protección do patrimonio e da riqueza" neste ámbito que se atopa en toda a xeografía galega.
Queixas, pola súa banda, defendeu que existen "máis que indicios" de que ese BIC está na zona afectada polo proxecto eólico e lamentou a falta de resposta por parte da Dirección Xeral de Patrimonio ao escrito presentado por parte da Asociación Veciñal da Parroquia de Fervenzas para que se acometa o estudo dos citados restos achados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.