A grande exposición sobre Isaac Díaz Pardo chega á Coruña

Na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, foi visitada por máis de 26.000 persoas.

Por E.P. | A Coruña | 11/06/2021 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de Abanca, e a Xunta de Galicia exhibirán na Coruña do 29 de xuño ao 28 de agosto 'As miradas de Isaac', un proxecto expositivo co que se busca difundir a figura de Díaz Pardo e que durante os seis meses da súa primeira exhibición, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, foi visitada por máis de 26.000 persoas.

Presentación da exposicion itinerante  'As Miradas de Isaac'. XUNTA
Presentación da exposicion itinerante 'As Miradas de Isaac'. XUNTA | Fonte: Europa Press

Trátase da primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920).

"E co obxecto de pór en valor o legado e as achegas á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de Formas, do Seminario de Estudos Galegos, de Edicións do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes", resaltaron os promotores.

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, e o director-xerente de Afundación, Pedro Otero, deron a coñecer este venres esta colaboración para iniciar na Coruña o programa de itinerancias de 'As miradas de Isaac', nun acto ao que tamén asistiron os comisarios da mostra e fillos de Díaz Pardo, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro.

Anxo Lorenzo destacou que con esta exposición "a Xunta avanza no seu obxectivo de achegar a toda a cidadanía galega contidos producidos na Cidade da Cultura". Pola súa banda, o director xerente de Afundación subliñou que coa mostra transcende o feito expositivo dados os elementos expostos e o seu carácter itinerante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta