O comandante naval do Miño cesa despois de dous anos e proseguirá a súa formación no Estado Maior da Armada

Miñones trasladou o "recoñecemento público" da institución ante o traballo desenvolvido na fronteira con Portugal durante a pandemia da covid-19.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/06/2021 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

O comandante naval do Miño, o capitán Juan Díaz Porlier, formalizou este luns a súa renuncia ante o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, tras dous anos no cargo. A súa intención é a de proseguir a súa formación no Estado Maior da Armada, en Madrid.

Ambos mantiveron un encontro este luns na sede da Delegación do Goberno, na Coruña, onde Miñones lle trasladou o "recoñecemento público" da institución ante o traballo desenvolvido na fronteira con Portugal durante a pandemia da covid-19.

Nesta reunión, o delegado destacou o "importante papel" que xoga a Comandancia Naval do Miño --situada en Tui-- a ambos os dous lados do río e en toda a zona de Baixo Miño, así como nas relacións coas autoridades do norte de Portugal e coa Mariña lusa.

De feito, este papel "intensificouse nos últimos meses" debido ás restricións acordadas na zona ante a evolución da crise sanitaria do coronavirus, explica a Delegación do Goberno nun comunicado.

Comandancia Naval do Miño ten como funcións a xestión administrativa do río, con labores como a vixilancia, a expedición de licenzas de caza e pesca, o control de obras realizadas nas marxes fluviais e a explotación dos recursos naturais.

Ademais de encargarse da dirección da Comandancia, o comandante naval do Miño --ata agora Juan Díaz Porlier-- ocupa a Presidencia da Delegación Española da Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM).

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, xunto ao xa ex comandante naval do Miño, Juan Díaz Porlier.. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, xunto ao xa ex comandante naval do Miño, Juan Díaz Porlier.. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta