Piden a declaración de zona catastrófica para as zonas afectadas pola sarabia

SLG e Fruga destacan os importantes danos causados polas treboadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2021 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A Federación Rural Galega (Fruga) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) pediron a declaración de zona catastrófica para as zonas afectadas pola sarabia, que provocou en municipios como Chantada importantes perdas en viñedos.

Nun comunicado, Fruga sostén que estes danos "supoñen unhas perdas económicas importantes para unhas explotacións que xa están ao límite da súa capacidade de resistencia no contexto da crise económica e de restricións".

"Hai que ter en conta, ademais, que estes danos non supoñen, na maior parte dos casos, perdas na colleita actual senón tamén danos nas infraestruturas das explotacións, e o máis importante: danos nas plantas que se traducirán na necesidade de repor moitas delas ou sometelas a un proceso de saneamento e recuperación que afectará a súa produtividade nas próximas colleitas".

Á xornada vivida o mércores, con danos nos viñedos na Ribeira Sacra, suma os de días anteriores noutros territorios como "Terra Chá, o Eume, o centro e montaña de Lugo...", cita como exemplos.

Por todo iso, demanda unha "acción decidida" da Consellería de Medio Rural e a aprobación de axudas "como pode ser a declaración de zona catastrófica". Tamén reclama ao departamento autonómico que se poña a disposición o persoal necesario para avaliar os danos para "acordar" coas organizacións as axudas.

Na mesma liña, o SLG insta á Consellería de Medio Rural a que, con carácter de urxencia, realice unha avaliación dos danos no concello de Chantada, "que arrasaron unha das principais zonas produtoras de uva da denominación de orixe Ribeira Sacra, especialmente a parroquia de San Fiz e outras veciñas".

Tamén solicita axudas para "paliar os danos e as perdas sufridas" xa que, apunta que "aos ingresos de todo un ano, súmase as perdas acumuladas debido ao estado de alarma e o peche da hostalaría". Á súa vez, reclama a elaboración dun rexistro de afectados e da superficie real danada pola sarabia, ademais doutros colaterais en adegas, instalacións e outros cultivos e sectores agrogandeiros.

Arquivo - Xeadas en viñedos na provincia de Ourense. CEDIDA - Arquivo
Arquivo - Xeadas en viñedos na provincia de Ourense. CEDIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta