Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/06/2021 | Actualizada ás 16:07
A presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, confía en que a adxudicación das obras do novo edificio de viaxeiros da estación de tren de Santiago adxudicarase "canto antes", despois de que a comezos deste mes de xuño se licitase esta actuación por 33,5 millóns de euros.
Unha vez se adxudique, a execución das obras será de 30 meses, máis aló das "incidencias que poden ser a mellor ou a peor", segundo expuxo Pardo de Vera este venres durante a presentación en Santiago do proxecto do novo edificio, que corre a cargo do arquitecto Juan Herreros, e culminará o proxecto da intermodal tras a novas estación de bus e pasarela.
Así, a futura estación intermodal de Santiago terá 3,5 millóns de viaxeiros en 2025, dos cales 2,6 millóns moveranse polo Eixo Atlántico e 0,9 millóns cara a Ourense e o resto de España, segundo as previsións de Adif. Precisamente, Pardo de Vera anunciou as "mostras claras de interese" de operadores polo AVE a Galicia para a "liberalización" da liña.
Este edificio de viaxeiros construirase elevado sobre as vías da estación con apoios e conexións nas plataformas. Incluirá dependencias para a explotación dos servizos ferroviarios e comerciais da estación. Formará unha unidade coa pasarela peonil recentemente inaugurada.
Ademais, crearase unha praza na entrada da rúa do Hórreo e construirase un aparcadoiro cuberto por marquesiñas para 460 prazas de aparcadoiro.
"SÍMBOLO DE AMBICIÓN DE FUTURO DA CIDADE"
O propio arquitecto Juan Herreros foi o encargado de debullar, neste acto en Santiago, o proxecto da futura estación, que observa como "un símbolo de ambición de futuro da cidade".
Aprecia que a infraestrutura debe afrontar "tres retos": técnico, funcional e social. Busca a "naturalidade" da estación para dar a sensación de que "sempre debeu estar alí", á vez que serve para "conectar o centro coas poboacións do sur".
A este respecto, referiuse á "evolución" coa que contado o proxecto desde que gañou o concurso en 2011, pois se conservou a marquesiña histórica da antiga estación de tren. Define o proxecto pola súa "lixeireza e transparencia", cunha nova terminal na que se inclúen elementos que semellan "xestos que saúdan e queren recibir o viaxeiro".
Respecto do anteriormente concibido, tamén explica que se incrementa a praza exterior de entrada desde O Hórreo, pois agora será de 1.500 metros cadrados, de maneira que "a cidade entra na estación".
O edificio de viaxeiros será de 5.000 metros cadrados, nos que se reservan case 900 metros cadros para un vestíbulo "moi claro e "simple de utilización". A parte de arriba do inmoble estará reservado para oficinas.
Ademais, para a construción do novo edificio de viaxeiros da estación ferroviaria acondicionarase as plataformas existentes, co fin de permitir a execución dun sistema de conexións verticais que una o vestíbulo principal, situado a un nivel superior, coa zona de uso ferroviario.
Así mesmo, realizaranse as obras de adecuación necesarias no edificio de viaxeiros actual para adaptalo á nova realidade funcional da estación.
Igualmente, vaise reestruturar a superficie de aparcadoiro entre a primeira plataforma e o noiro que supón o límite do solar. Tamén se vai facer unha nova urbanización entre a Rúa do Hórreo e diferentes construcións do complexo ferroviario.
O Ministerio de Transportes, a través de Adif, asume o 100% da construción do edificio, sen necesidade de formalizar un novo convenio coa Xunta nin Concello de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.