O Sergas establece seis modalidades de persoal estatutario temporal para actuar "de maneira uniforme"

A entrada en vigor da orde atrásase ao 1 de setembro para que se realicen as adaptacións nas aplicacións informáticas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2021 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde que establece seis modalidades de persoal estatutario temporal no Servizo Galego de Saúde, cuxa entrada en vigor atrásase ao 1 de setembro de 2021, para os efectos de que se realicen as adaptacións precisas nas aplicacións informáticas a través das que se articula o sistema de nomeamentos.

Así o expón a orde do DOG, recollida por Europa Press, na que se establece as modalidades de persoal estatutario interino; persoal estatutario substituto; persoal estatutario eventual para a prestación dun servizo ou programa determinado (fóra de persoal); persoal estatutario eventual por acumulación de tarefas (fóra de persoal); persoal estatutario eventual para a realización de gardas de persoal licenciado sanitario de centros hospitalarios (fóra de persoal); e persoal estatutario eventual para a cobertura dunha redución de xornada.

A orde, asinada polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, puntualiza que non afecta a aqueles aspectos particulares dos vínculos temporais que son obxecto dunha regulación específica, como serían neste momento as bases do nomeamento eventual de continuidade publicadas no Diario Oficial de Galicia número 22, de 31 de xaneiro de 2019, ou o nomeamento eventual por emerxencia sanitaria introducido no Plan de continxencia publicado no Diario Oficial de Galicia número 242, de 1 de decembro de 2020.

Desta forma, a orde "céntrase en aspectos moi particulares da vinculación estatutaria temporal, como son a adquisición da condición de persoal temporal, o seu período de proba, os tipos de nomeamentos pola causa da súa expedición, a súa vixencia ou duración e extinción", sinala o documento. E todo isto co obxecto de que nestas materias, e na expedición dos nomeamentos, "actúese de maneira uniforme en todo o Sistema público de saúde de Galicia".

A orde consta de 11 artigos nos que se regulan o seu obxecto e ámbito de aplicación, a adquisición da condición de persoal estatutario temporal, os nomeamentos de interinidade e substitución, os nomeamentos eventuais para a prestación dun servizo ou programa determinado, por acumulación de tarefas, para a realización de gardas de persoal licenciado sanitario e para a cobertura dunha redución de xornada, o cesamento do persoal temporal, o período de proba e os nomeamentos en promoción interna temporal.

Esta orde ten por obxecto regular as modalidades dos nomeamentos do persoal estatutario temporal nas institucións sanitarias do Sergas e demais entidades públicas instrumentais adscritas á Consellería de Sanidade con competencias en materia de sanidade ou ao devandito organismo autónomo.

No caso concreto do nomeamento eventual para a realización de gardas de persoal licenciado sanitario de centros hospitalarios (gardas médicas), expedirase no ámbito hospitalario para a cobertura das gardas que resulten necesarias, cando estas non estean cubertas polo persoal facultativo e mentres persista esta situación.

"En función das necesidades o nomeamento poderá ter carácter singular, vinculado a un servizo determinado de gardas, ou prolongado no tempo para a cobertura das gardas no período que resulte necesario", detállase na orde, que indica que a súa duración inicial "non superará os seis meses e poderá ser prorrogado mentres persista a necesidade de cobertura de gardas".

Arquivo- O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nun almorzo Socio-Sanitario de Europa Press celebrado o 10 de maio de 2021.. Marta Fernández Xara - Europa Press
Arquivo- O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nun almorzo Socio-Sanitario de Europa Press celebrado o 10 de maio de 2021.. Marta Fernández Xara - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta