As ameixas das Rías Baixas, en perigo polo cambio climático

Os cada vez máis habituais episodios de choivas torrenciais contribuirán á perda de salinidade do mar e aumentarán a mortalidade destes bivalvos, segundo un novo estudo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/06/2021 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

A comunidade científica está utilizando os cambios na salinidade dos océanos para estudar o impacto do cambio climático sobre o ciclo global da auga. Se chove sobre o mar, aumenta a auga doce e diminúe a salinidade; se hai evaporación por insolación, a auga vaise á atmosfera mentres o sal queda no océano e aumenta a salinidade. Ademais, co desxeo dos polos e as descargas dos ríos introdúcese auga doce no sistema e cando hai conxelación nas zonas polares no inverno xéase só a auga, non o sal, e soben os índices do mar.

Marisqueo de ameixas
Marisqueo de ameixas | Fonte: Europa Press.

Eses cambios teñen consecuencias. Por exemplo, nos bivalvos dos que se nutre o sector marisqueiro galego. Un grupo de científicos presenta un novo estudo sobre o impacto nos no mar debido a unha caída da salinidade causada por eventos de precipitacións extremas, por mor cambio climático. Os investigadores analizaron a mortalidade histórica das ameixas babosa (Venerupis corrugata), xaponesa (Ruditapes philippinarum) e fina (Ruditapes decussatus) nas Rías Baixas, e compararon eses datos coas proxeccións futuras para estas especies.

Concretamente, analizaron a mortalidade destes bivalvos baixo precipitacións extremas tanto para períodos históricos (1990-2019) como futuros (2070-2099), para os que realizaron simulacións con datos do proxecto EURO-CORDEX no marco do escenario 8.5.

A comunidade científica internacional traballa con catro escenarios diferentes nas súas proxeccións, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríanse diferentes impactos do cambio climático. Así, o escenario RCP2.6 é o máis optimista, cunha redución de gases; os RCP4.5 e RCP6.0 son os de estabilización das emisións, e o RCP8.5 é o escenario extremo, cun nivel moi alto de emisións seguindo a tendencia actual de aumento a nivel global. O RCP4.5 (intermedio) e RCP8.5 (extemo) son os escenarios cos que máis traballa a comunidade científica, dados os escasos e lentos pasos que se deron até agora para frear as emisións de gases.

CAÍDA DA SALINIDADE POR CHOIVAS TORRENCIAIS

Na investigación, analizáronse os datos de salinidade para estimar a mortalidade das especies por caídas de salinidade. “En xeral, as condicións futuras de mortalidade moderada e severa poden ser peores do que se observou historicamente, sendo máis intensas e cubrindo áreas máis grandes”, advirten os autores do estudo.

Ameixas
Ameixas | Fonte: Dianaccm08 en Wikimedia.

“As proxeccións indican que o aumento futuro das condicións de mortalidade será máis intenso e cubrirá unha área maior baixo as mareas mortas. Este feito parece deberse a unha maior dilución das plumas de auga doce coas mareas vivas.

Ademais, as áreas afectadas por descargas extremas poden ser diferentes en ambas as condicións das mareas, de tal xeito que as condicións futuras serán peores en 6 de cada 11 áreas analizadas cando se consideran tanto as mareas vivas como mortas”, detallan.

“Pódese concluír que a coincidencia de eventos de precipitación extrema con mareas mortas é prexudicial para a colleita das especies estudadas”, engaden.

Con todo, as proxeccións mostran que a extensión da área total afectada pola mortalidade aumentará baixo as condicións de ambas as mareas.

O futuro aumento das precipitacións extremas levará a maiores descargas fluviais e, polo tanto, a unha maior entrada de auga doce nas rías, o que provocará unha diminución da salinidade e o empeoramento das condicións ambientais ás que están expostos os bivalvos. Así, as condicións futuras serán menos favorables para especies como V. corrugata, C. edule, R. decussatus e R. philippinarum”, subliñan.

DIFERENZAS ENTRE RÍAS

As zonas máis próximas ás desembocaduras dos ríos son as máis afectadas por eventos de mortalidade, xa que é onde se observa unha maior caída de salinidade polas descargas fluviais.

E “aínda que todas as Rías Baixas estarán potencialmente afectadas”, cren que “o impacto diferirá para cada unha”, sendo a de Arousa a “máis afectada”, sendo o val fluvial no que desemboca o maior río nas Rías Baixas, o Ulla, ademais do Umia. Mentres que a de Muros, onde morre o río Tambre, o segundo máis grande nas Rías Baixas, “é a segunda en termos de extensión da área afectada para o período histórico”, aínda que mostra un aumento da mortalidade nas ameixas “case insignificante” de cara ao futuro, segundo as proxeccións.

Por último, “as diferenzas entre rías, especialmente aquelas cun patrón de descarga de auga doce similar, como Pontevedra e Vigo, suxiren que as características batimétricas tamén xogan un papel fundamental na extensión da área afectada pola mortalidade”, apuntan.

Na ría de Pontevedra, a superficie afectada pola mortalidade, din, “é pequena, sen eventos de mortalidade graves”. Pola contra, a mortalidade na ría de Vigo afecta “gran parte da enseada de San Simón”. “Este comportamento diferente”, clarifican, “débese probablemente á diferente fisiografía das rías”.

“Aínda que ambas rías comparten algúns trazos comúns, diferéncianse principalmente na parte interior, onde a ría de Pontevedra se caracteriza por un ensanche progresivo, mentres que a de Vigo presenta unha enseada, a de San Simón”, describen os autores do estudo.

Por outra banda, indican que “a parte interior da ría de Pontevedra está directamente conectada coa exterior seguindo a mesma orientación e é xeralmente máis profunda que a enseada de San Simón, sendo a zona intermareal menos extensa e restrinxida á zona próxima á desembocadura do río Lerez”.

En definitiva, as descargas por episodios de choivas torrenciais cada vez máis habituais nas Rías Baixas, e o exceso de caudal dos ríos derivado destes eventos, terán consecuencias catastróficas para o sector marisqueiro.

O estudo, publicado na revista científica Science of The Total Environment, está asinado por investigadoras do EphysLab (Environmental Physics Laboratory) da Universidade de Vigo, e do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta