A proxección de 'Cuñados', un dos pratos fortes do programa cultural de Verín en xullo

O concello retoma a axenda cultural con dúas sesións de cine, un concerto e unha emotiva homenaxe ao ilustre verinés Jaime Noguerol.

Por X.M. Fernández | Verín | 23/06/2021 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

A concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza Basalo, comentaba na presentación da recuperación da actividade cultural que "A partir do mes de xullo, os veciños e veciñas de Verín volverán a gozar dunha atractiva programación de lecer cultural, con propostas para todos os públicos. Tras este parón obrigado, a nosa intención é retomar a nosa axenda presencial apostando sempre pola cultura segura adoptando todas as medidas ditadas polas autoridades sanitarias nos eventos". 

A familia que protagoniza 'Cuñados'. Foto: Portocabo.
A familia que protagoniza 'Cuñados'. Foto: Portocabo.

O sábado 3 de xullo, ás 12:00 horas, o Auditorio Municipal será o escenario dunha homenaxe moi especial organizada pola Biblioteca de Verín. Baixo o nome de “40+1 - Aniversario de Extraños en el escaparate de Jaime Noguerol”, Verín rende homenaxe a esta obra do ilustre verinés, editada por Juan Luís Recio (editorial La Banda de Moebius), e que logo daría paso ao famoso disco de Miguel Ríos. "Le quitaron al futuro su antifaz de cielo", así comeza a obra que ilustra o gran CEESEPE e onde o Noguerol compón a literatura underground dos oitenta madrileños. A presentación do acto correrá a cargo de Antonino Nieto.

Ese mesmo sábado 3 de xullo terá lugar a primeira das proxeccións cinematográficas ao aire libre. O pase será ás 22:30 horas no aparcamento libre da Preguiza, lugar onde se poderá gozar coa comedia do ano, a comedia galega Cuñados.

O sábado 10 de xullo, ás 21:00 horas, a Praza García Barbón será o escenario do concerto “The Show Must Go On” interpretado pola Agrupación Musical da Limia, quen farán un percorrido pola historia da música nacional, latina e internacional: Alaska y Dinarama, Queen, Europe, ABBA… Sen deixar de lado as súas orixes, incluíndo temas populares e tradicionais galegos. Ademais, como parte da actuación, realízase unha performance do conxuro da queimada.

Os e as amantes do cinema terán outra cita o sábado 17 de xullo, tamén ás 22:30 horas. No mesmo escenario comentado, poderase ver a película Las Niñas dirixida por Pilar Palomero. Trátase dun retrato da xeración das mulleres de hoxe, debuxado a través da educación que recibiron a principios dos 90 en España. Este filme recibiu o premio Goya á Mellor Película.

Vista do Autocine de Verín na proxección de 'María Solinha'. Foto: G.S.
Vista do Autocine de Verín na proxección de 'María Solinha'. Foto: G.S.

RESERVA PARA ASISTIR AOS EVENTOS 

As entradas para as sesións de cinema estarán dispoñibles, por 5 euros, en www.ataquilla.com mentres que as localidades para o concerto e para a homenaxe serán de balde, sendo necesario para este último realizar unha reserva anticipada no propio auditorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta