Denuncian a política de "represión e medo" das tendas de Mercadona na Coruña

A CIG mobilízase ante un destes centros para denunciar os "abusos laborais" que, sosteñen, estarían tendo lugar neles.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Nova mobilización da CIG contra a política de “medo e represión” que denuncian en Mercadona. A sección sindical da Confederación concentrouse este pasado mércores ante unha das tendas da cadea na área metropolitana da Coruña para denunciar eses “abusos de poder” que vencellan á compañía, “así como demandar emprego digno e respecto aos dereitos”.

Mobilización da CIG ante un Mercadona polos supostos 'abusos laborais' da cadea de supermercados
Mobilización da CIG ante un Mercadona polos supostos 'abusos laborais' da cadea de supermercados | Fonte: CIG.gal

As mobilizacións, en palabras de André Abeledo, delegado da CIG, son unha "resposta á actitude de non respecto á propia humanidade dos traballadores e das traballadoras. Non pode ser que o persoal de Mercadona veña traballar con medo e que se lle falte ao respecto cando está no seu posto. O que pedimos, aínda que pareza mentira en pleno século XXI, é dignidade".

Estas demandas virían dadas polos “abusos laborais” que dende a Confederación veñen denunciando contra a cadea española. "Non pode ser que a xente traballe con medo e baixo presión constante", apuntan dende a formación sindical a respecto dunha problemática que “acaba afectando seriamente á saúde dos traballadores e das traballadores”.

VARIAS TENDAS

En particular, a CIG denuncia que estes supostos abusos estarían a ter lugar con especial virulencia “na tenda de Bentanzos, na da Avda. de Oza da Coruña e na situada no Outlet de Culleredo”, onde decidiron centrar desta volta as mobilizacións. Por iso denuncian que “fronte á imaxe que Mercadona quere vender publicamente de ser unha empresa modelo, a realidade laboral é ben distinta”, e instan a continuar coas mobilizacións para poñer freo ás circunstancias denunciadas.

O delegado Abeledo anima “as compañeiras e compañeiros de Mercadona” a “non quedar caladas e reaxir ante os abusos laborais xa que é a través da mobilización como se conseguen os avances”. Neste senso, o delegado puxo de exemplo que, tras da campaña de protestas da CIG na provincia da Coruña pola sobrecarga de traballo, a empresa fixo un reforzo de persoal de cara ao verán para cubrir as vacacións e “estanse cubrindo tamén as baixas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta