Feijóo carga contra Sánchez polos indultos: "Os únicos que non mentiron son os presos independentistas"

Asegura que non rexeita os indultos "con carácter xeral", pero precisa que teñen que "valer para algo" e que non se dan as condicións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/06/2021 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu cargar este xoves contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao que acusou de indultar aos presos do procés para manterse no poder e advertiu que "os únicos que non mentiron" son, precisamente, os independentistas encarcerados, polo que se mostrou convencido de que "volverán delinquir" e tratar de "romper" España.

Pere Aragonés e Oriol Junqueras
Pere Aragonés e Oriol Junqueras | Fonte: EFE.

Ao termo da reunión semanal do seu Executivo, preguntado sobre esta decisión e a intención do seu partido de recorrela, o presidente galego advertiu que esta foi "unha mala semana" para o Estado de Dereito, para a democracia española e tamén para a Constitución.

"Non hai grandeza cando se trata de romper a lei, non hai reconciliación na rendición do Estado, e non hai nin pode haber perdón na humillación das institucións", sentenciou, antes de engadir que, "en todo este entroido", os "únicos que sempre contaron a verdade son os presos".

"Sempre dixeron o mesmo, que non aceptaban a condena, que non pedirían os indultos, que volverían delinquir e que seguirían rompendo a unidade da nosa nación. Son os únicos que non mentiron, eu créolles, recoñezo a súa credibilidade", esgrimiu Feijóo, quen situou a Sánchez no outro extremo.

De feito, reprobou que se presentou "dúas veces" ás eleccións "mentindo" ao asegurar que "nunca indultaría" presos sentenciados polo Tribunal Supremo. "É curioso que nun país sexan os presos os que din a verdade e o Goberno o que mente", censurou.

"OS INDULTOS TEÑEN QUE VALER PARA ALGO"

Na súa intervención, na que non se pronunciou expresamente sobre o recurso anunciado polo seu partido, precisou que el non está en contra dos indultos "con carácter xeral", pero advertiu que, baixo o seu punto de vista, teñen que "valer para algo".

E no caso catalán, remarcou que "para que se repoña a convivencia" tería que haber "unha convivencia dos independentistas coa lei", igual que para que haxa "concordia" as dúas partes terían que estar de acordo.

"Ninguén está a expor que os independentistas deixen de selo, só manter a súa ideoloxía e comprometerse a cumprir a lei", sinalou, pero tamén chamou, ao tempo, a non ser "inxenuos", e remarcou que o Executivo de Sánchez non fai "un favor" aos independentistas, senón que impulsa "un autoindulto" cun "clarísimo conflito de intereses".

En opinión do dirixente galego, Sánchez "autoindulta a súa lexislatura" usando aos independentistas cataláns "como coartada".

Feijóo recalcou que el "cre" aos presos independentistas, porque son "os únicos que non mentiron", convencido de que volverán delinquir porque "non admiten a lexitimidade dos tribunais".

E considerou "especialmente grave" que non se indulten só "delitos de sedición", senón tamén de "corrupción e malversación".

"Equivocámonos e estes indultos non van solucionar a convivencia dos cataláns", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta