A eólica mariña pon os ollos na costa galega "sen que exista normativa nin plafinicación propia"

Con dous parques eólicos xa en tramitación, a asociación ecoloxista Adega denuncia o perigo que supoñen para os corredorres migratorios das aves e cetáceos e para a pesca artesanal.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2021 | Actualizada ás 21:16

Comparte esta noticia

A eólica mariña empeza a facerse oco en Galicia non sen polémica. Asociacións ecoloxistas alertan de que o desenvolvemento desta enerxía no mar "carece dunha planificación propia". "As eléctricas pretenden repetir a tola carreira por ocupar o espazo mariño tal e como acontece na terra; e as administracións galega e estatal están a deixar facer", denuncia Adega a través dun comunicado de prensa. 

Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A
Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A | Fonte: Windplus

 

Con dous parques eólicos xa en tramitación por parte de Iberdrola fronte á costa galega,   Adega critica que "non hai unha norma que estableza as áreas aptas, as condicións de desenvolvemento, os criterios de exclusión, as interaccións con outras actividades...". Tan só no Plano de Ordenamento do Espazo marítimo (POEM), arestora no período de consultas previas por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, se fai referencia ao desenvolvemento da eólica mariña nos mares do Estado. Con todo, este POEM non está orientado concretamente á planificación desta enerxía eólica. "Sería de interese que, se non para a eólica en exclusiva, cando menos para xeración de renovables no mar houbera unha planificación e desenvolvemento normativo propio", indican desde a asociación.

 

Máis alá disto, para Adega resulta "inaceptable" que se tivera autorizado o inicio da tramitación de dous parques eólicos na costa galega sen "sequera terse aprobado este Plan". 

 

OS CORREDORES MIGRATORIOS DAS AVES

 

O POEM, polo que atinxe ao aproveitamento da enerxía eólica mariña, define unha serie de áreas, cinco na costa galega, denominadas de "uso preferente" e "alto potencial". Para chegar a esta delimitación, segundo explica Adega, aplicouse unha metodoloxía secuencial partindo da calidade do recurso (potencia eólica) no mar galego. "E resulta que practicamente toda a plataforma continental galega amosa un recurso eólico (<7,5 m/s a 100m) susceptible de ser aproveitado". Nunha segunda iteración, descártanse aquelas áreas protexidas a nivel estatal e autonómico (ZEPAS, IBAS -important bird areas-, ZEC e áreas críticas para 5 especies de cetáceos), así como corredores marítimos, accesos portuarios, servidumes de navegación aérea...). E nunha terceira secuencia, considéranse outros valores ambientais. Con todo, as zonas marcadas nestas dúas últimas secuencias "non se exclúen do aproveimatento eólico senón que só actuarán como condicionantes na fase de avaliación dos proxectos puntuais que se presenten".

 

Dende Adega lamentan a "enorme miopía do Ministerio" ao" esquecer" que pola costa galega discorren algúns dos corredores migratorios de aves e cetáceos máis importantes do mundo. "Este feito debería sen dúbida considerarse un dos principais factores de exclusión do aproveitamento eólico, habida conta ademais que as taxas máis altas de mortalidade de aves polos muíños eólicos acontecen nos corredores migratorios", sentenzan a este respecto. "Planificar os polígonos eólicos entre áreas protexidas e no medio dos corredores migratorios e pensar que as aves van facer "slalom" entre os muíños de ZEPA en ZEPA é simplemente un insulto á intelixencia", enganden. Outro tanto ocorre para os cetáceos: considéranse excluídas do aproveitamento eólico só as áreas críticas de 5 especies, mais nas augas galegas están presentes un total de 24, e delas, 9 frecuentes.

 

A PESCA ARTESANAL, "ESQUECIDA" NA PLAFICICACIÓN DOS POLÍGONOS

 

No que atinxe á eólica mariña é a designación dos polígonos de "uso preferente" e de "alto potencial", o POEM amosa "outro esquecemento insultante", cualifica Adega. Descartáronse áreas ocupadas polos corredores marítimos, accesos aos portos, usos militares, aviación civil, e outras condicionadas pola acuicultura e o patrimonio subacuático, mais un aspecto "non considerado" é o da pesca artesanal e calquera outro uso que poida estar acontecendo nas zonas", indica Adega citando literamente o Plan. Desta forma, a súa eventual consideración déixase só para a fase de tramitación de cada proxecto individual que se presente. "Este inxustificado e aldraxante esquecemento que ignora as especificidades propias, ambientais e socioeconómicas das nosas costas, ben amosa ata que punto o oligopolio eléctrico condiciona a planificación, ou déficit de planificación, da enerxía eólica mariña", sentenza a asociación.

 

Fronte a esta realidade, dende Adega esixen ao Ministerio que paralice a tramitación de calquera parque eólico mariño mentres non se elabore unha planificación normativa propia para o aproveitamento enerxético nas augas de competencia estatal. Con respecto á Xunta de Galicia, Adega critica que "queira permanecer de perfil fronte a esta problemática traspasándolle a responsabilidade ao Ministerio". "Esixímoslle que rexeite claramente este tipo de aproveitamentos na costa e antepoña a protección dos nosos mares e o futuro do sector galego do mar ás contas de beneficios das electricas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta