Por Ángela Precedo | LUGO | 13/05/2025 | Actualizada ás 22:01
Unha enfermidade forestal de entrada recente está a causar unha grave crise nos montes galegos. Trátase da doenza da 'banda marrón', causada polo fungo 'Lecanosticta acicola' que afecta ás follas dos piñeiros, provocando o seu secado prematuro e, en moitos casos, a morte da árbore. A súa rápida expansión e a súa alta virulencia están a causar importantes perdas nas plantacións, especialmente nas de piñeiro insigne, a especie máis estendida nos últimos anos pola súa rapidez de crecemento. A enfermidade espállase con forza e xa afecta tamén a outras especies como o piñeiro do país ou o piñeiro silvestre. A súa presenza está a alterar fondamente o modelo forestal galego e pon en risco a viabilidade futura das masas de piñeiro, freando novos investimentos no sector e levando a moitos propietarios a abandonar ou substituír as súas plantacións orixinais de piñeiro por outras especies máis resistentes. Galicia Confidencial fala con Antonio Rigueiro Rodríguez, profesor emérito de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e presidente da Asociación Forestal de Galicia, para coñecer como está a situación nestes momentos.
"A situación é moi mala", alerta, sen medias tintas, o presidente da Asociación Forestal de Galicia ao ser preguntado pola grave enfermidade da 'banda marrón' que está a afectar aos piñeiros galegos. O tamén profesor emérito da USC explica que en Galicia hai, fundamentalmente, "tres tipos de piñeiros: o piñeiro insigne ('Pinus radiata'), o piñeiro do país ('Pinus pinaster') e o piñeiro silvestre ('Pinus sylvestris'). Este último plántase sobre todo nas zonas de alta montaña, como Os Ancares, O Courel ou Pena Trevinca; mentres que os outros adoitas atoparse en zonas máis baixas, ata os 800 ou 1.000 metros sobre o nivel do mar. Dos tres, o piñeiro insigne foi o preferido polos propietarios de plantacións nos últimos anos, porque "é o que máis rápido medra", chegando a cortarse "normalmente aos 20 anos", fronte "os 30 ou 35 anos que precisa o pino do país e os 60 ou 80 anos que precisa o silvestre". Sen embargo, a aparición desta nova doenza da 'banda marrón' está mudando todo o panorama forestal galego.
Ata hai ben pouco, a enfermidade que máis estaba afectando aos piñeiros e, polo tanto, preocupando aos propietarios de grandes plantacións, eran a da 'banda vermella' --enfermidade causado polo fungo 'Dothistroma septosporum' que torna as follas dos piñeiros vermellas antes de secalas, síntoma de necrose que remata debilitando gravemente á árbore--. Pero, como apunta Rigueiro, aínda que ben é certo que "provocaba unha merma do crecemento nos piñeiros, tratábase dunha merma asumible, pois non chegaba a matar as árbores". Pola contra, a doenza da 'banda marrón', que entrou a Galicia nos últimos anos pola zona da Fonsagrada, "é moito máis agresiva e si chega a matar as árbores", provocando auténticas devastacións nos montes. Para facerlle fronte, Rigueiro sinala que "hai tratamentos, sobre todo con produtos de cobre, que funcionan ben", pero tamén aclara que, "aínda que tratar un piñeiral novo é doado, un piñeiral adulto, con árbores de 15 ou 20 metros, é máis complicado e máis custoso".
"ACTUALMENTE NINGÚN PROPIETARIO FORESTAL QUERE PLANTAR PIÑEIROS"
Así, indica que aínda que dende a Consellería de Medio Rural a Xunta de Galicia está financiando tratamentos contra a doenza, estes "son preventivos e curativos nalgúns casos, pero non acaban de todo co fungo, polo que este séguese espallando" polos montes galegos, de piñeiro en piñeiro. Ademais, tamén recalca que "non é asumible tampouco para os propietarios estar facendo tratamentos todos os anos", nin dende o punto de vista económico nin dende o punto de vista do esforzo que conlevaría manter en bo estado esas plantacións. Esta experiencia xa se ten comprobado no País Vasco, onde a 'banda marrón' ten en alerta a todo o sector forestal dende hai anos e levou a que algúns propietarios buscasen xa especies de piñeiros resistentes contra a doenza, algo polo que tamén se está loitando en Galicia. A gravidade do problema en Galicia é tal que, "actualmente, ningún propietario forestal quere plantar piñeiros", xa que "a doenza da 'banda marrón', aínda que se focalizou principalmente no piñeiro insigne, tamén está afectando agora ao piñeiro do país e ao silvestre, aínda que en menor medida".
Así as cousas, o presidente da Asociación Forestal de Galicia lanza unha advertencia ante a finalización da moratoria das plantacións de eucalipto: "Se remata a moratoria e se abre a veda para realizar novas plantacións de eucalipto, volveremos á situación previa á mesma, a dun monte galego polo que esta especie se espalla como a pólvora; ou mesmo a unha situación moito peor, porque cos enfermidade da 'banda marrón' circulando, a xente non quererá plantar piñeiros, todo o mundo optaría por plantar eucaliptos". Ao preguntarlle polas zonas máis afectadas por esta mortal doenza, Rigueiro sinala en primeiro lugar á zona da Fonsagrada, onde se atopa un dos focos máis graves, por ser tamén a porta de entrada da enfermidade ao territorio galego. "Na estrada que vai de Lugo á Fonsagrada, por exemplo, poden verse verdadeiras catástrofes", relata. Tamén apunta á estrada que une Navia con Becerreá, onde "mesmo houbo que cortar piñeirais de radiata enteiros porque morreron todos os exemplares cando a 'banda marrón' atacou".
"ESTAMOS ANTE UN PROBLEMA MOI SERIO E SEN PRECEDENTES RECENTES"
"Estamos ante un problema moi serio", alerta Rigueiro. Comparándoo con outras pragas históricas, asegura que "non hai precedentes" dun ataque tan rápido e devastador. Sinala que a 'banda vermella' leva xa décadas nos montes galegos e "aínda que torna amarelas algunhas follas, non chega a matar á árbore enteira". Outros fungos, como os do xénero fitóftora, moi espallados polos montes de Galicia --obstrúen os vasos condutores de saiba elaborada--, ou o fungo Armillaria --provoca a prutrefacción do sistema radicular, o que fai que a árbore morra por inanición--, "tamén causan danos importantes, chegando a matar grandes plantacións, pero o seu efecto non é tan fulminante nin tan espectacular e rápido como o da 'banda marrón'". E apunta tamén ao verme coñecido como Nematodo do piñeiro --destrúe as canles de circulación de resina e fai que a árbore murche e morra--, chegado hai 3 ou 4 anos e predominante na parte sur do territorio galego, que "tamén mata plantacións enteiras, pero non supón unha ameaza tan grande como esta nova doenza". "Eu penso que non hai precedentes, a non ser que nos remontemos ao século XIX ou comezos do XX, por exemplo, coa doenza da tinta do castiñeiro", conclúe Rigueiro.
Debido a esta situación, explica que "xa hai moita xente que está pensando en abandonar as plantacións de piñeiros tradicionais de Galicia e apostar por novas especies, máis resistentes a esta doenza", como piñeiros americanos traídos dos Estados Unidos das especies 'Pinus taeda' e 'Pinus ellioti', que tamén medran bastante ben en Galicia e que "son resistentes tanto á doenza da 'banda marrón' como á da 'banda vermella'". En calquera caso, o presidente da Asociación Forestal de Galicia considera que nos vindeiros anos a "adaptación" será clave, pero tamén advirte: "Aínda que haxa investigacións en marcha para buscar remedio, isto levará un tempo". De feito, calcula que "poderían pasar 5 ou 10 anos antes de ter unha solución definitiva, se é que se atopa", pois ter investigacións en marcha non significa, necesariamente, que estas vaian dar resultados. Así as cousas, a súa conclusión é clara: "A cousa non pinta ben e, por iso, o problema da 'banda marrón' require dunha resposta rápida e coordinada por parte de todo o sector e das administracións se se quere evitar unha nova crise forestal en Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.