Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 04/07/2021 | Actualizada ás 12:00
Para manifestar que non todo o que parece ser dun determinado xeito é en realidade dese xeito, dando polo tanto a entender que o aspecto ou visión externa de persoas e cousas pode provocar que formemos unha opinión equivocada acerca delas, en castelán é moi habitual botar man da secuencia expresiva las apariencias engañan.
Vexamos expresións galegas que veñen a incidir no mesmo contido.
Las apariencias engañan
{= Expresión con que se dá a entender que non todo o que parece ser dun determinado xeito é en realidade dese xeito.}
As aparencias enganan
O parecer non é ser
As aparencias menten
O parecer non é querer nin é ser
Ex.: El profesor insiste en que no nos dejemos guiar solo por lo que vemos, que las apariencias engañan y muchos de esos malotes lo que tienen en realidad es un problema de inseguridad y autoestima... aunque yo no lo tengo tan claro como él.
O profesor insiste en que non nos deixemos guiar só polo que vemos, que as aparencias enganan ‡ que o parecer non é ser ‡ que as aparencias menten ‡ que o parecer non é querer nin é ser e moitos deses malandros o que en realidade teñen é un problema de inseguridade e autoestima... inda que eu non o teño tan claro coma el.
● Tamén, en contextos en que se dá conta de alguén ou algo, ou se advirte de alguén ou algo, que baixo unha aparencia inocua, ou mesmo benigna, pode ser falso ou perigoso:
Ás veces o demo ten cara de coello
Ex.: —¡Con lo agradable y simpático que se hacía para todos, cualquiera diría que era un puto maltratador! —Sí, amigo mío, pero las apariencias engañan.
—¡Co xeitoso e simpático que se facía para todos, calquera diría que era un puto maltratador! —Si, meu home, pero as aparencias enganan ‡ pero o parecer non é ser ‡ pero as aparencias menten ‡ pero o parecer non é querer nin é ser ‡ pero ás veces o demo ten cara de coello.
Ex.: —Es la mejor inversión que puedes hacer, y, por lo que me han asegurado, sin riesgo alguno. —No te fíes, chico, que muchas veces las apariencias engañan.
—É o mellor investimento que podes facer, e, polo que me aseguraron, sen risco ningún. —Non te fíes, meu rei, que moitas veces as aparencias enganan ‡ que moitas veces o parecer non é ser ‡ que moitas veces as aparencias menten ‡ que moitas veces o parecer non é querer nin é ser ‡ que ás veces o demo ten cara de coello.
● E inda tamén, nunha liña semellante e só nalgún ca outro contexto, dando sobre todo a entender que non se deben facer xeneralizacións ou extrapolacións xerais a partir de certos detalles:
Non todos os que asubían son arrieiros nin todos os que montan son cabaleiros && Non todos os que asubían son castradores && Non todo o que pon chistera é persoa principal && [E MAIS TAMÉN, NALGÚN CA OUTRO CONTEXTO]: Un burro cargado de libros non é doutor
● E inda, igualmente en contextos e tamén nesta mesma liña, asociada a ámbitos de uso populares e familiares:
Non son homes todos os que mexan contra a parede
NOTAS:
1. Nótese que hai contextos nos que varias destas expresións poderían confluír coas que veremos na vindeira entrega, que son as equivalentes á castelá no es oro todo lo que reluce.
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Ferro Ruibal, Xesús: Refraneiro Galego Básico. Biblioteca da Cultura Galega. Ed. Galaxia, Vigo, 1995.
- Ferro Ruibal, Xesús & Veiga Novoa, Cristina: “Paremias selectas. Un manuscrito bonaerense (1956) de Vicente Llópiz Méndez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 265-315. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.