Máis de 600 persoas con discapacidade seguen estudos universitarios en Galicia no curso 2020/2021

Este dato aparece na 'Guía de Atención ás Persoas con Discapacidade na Universidade 2020' deste ano, a 13ª edición desta publicación de carácter anual, que conta coa colaboración de 79 universidades españolas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/07/2021 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

Un total de 653 persoas con discapacidade realizaron estudos universitarios en Galicia no curso 2020/2021, segundo revela a 'Guía de Atención ás Persoas con Discapacidade na Universidade 2020', que Fundación Universia publicou este pasado mércores co apoio de Banco Santander.

A nivel nacional, son 23.851 persoas con discapacidade as que estudaron nas universidades españolas durante o curso 2020-2021, alcanzando así o seu máximo histórico.

Segundo Fundación Universia, o número de estudantes con discapacidade matriculados nas universidades españolas este último ano aumentou en 1.033 persoas. Este dato supón un incremento do 4,5% con respecto aos 22.818 estudantes con discapacidade matriculados no ano anterior. A pesar desta tendencia á alza, a porcentaxe de representación de universitarios con discapacidade respecto ao total de estudantes do sistema universitario mantense nun 1,5%.

Desde que se iniciou o rexistro de estudantes con discapacidade en 2008, o ano 2014 foi o que maior número de estudantes con discapacidade rexistrou, con 21.942 universitarios, fronte aos 8.230 que había matriculados en 2008. Pero a partir de 2014, descendeu o número de estudantes con discapacidade, ata que en 2017 volveu a tendencia alcista, superándose a marca de 2014 no ano 2018, con 22.190 alumnos.

Por comunidades autónomas, as universidades da Comunidade de Madrid lideran o ranking, con 10.232 estudantes con discapacidade matriculados, seguida de Cataluña, con 3.719, e Andalucía, con 2.808 universitarios.

En cuarto lugar sitúase a Comunidade Valenciana (2.080), seguida de Murcia (912), Castela e León (784), Galicia (653), País Vasco (563), Canarias (385), Castela-A Mancha (326), A Rioxa (320) e Asturias (308). O cinco comunidades con menos universitarios con discapacidade son: Aragón (270), Baleares (190), Estremadura (134), Navarra (112) e Cantabria (55).

INFORMACIÓN POR UNIVERSIDADES

A 'Guía de Atención ás Persoas con Discapacidade na Universidade 2020' deste ano é a 13ª edición desta publicación de carácter anual, que conta coa colaboración de 79 universidades españolas, a través dos seus Servizos de Apoio ás Persoas con Discapacidade.

Como novidade, este ano a publicación ofrece detalle das universidades españolas que contan con apoio a estudantes con necesidades educativas especiais (altas capacidades, dislexia, TDAH, etc.) e proxectos de I+D aplicados á inclusión, ademais de información sobre orientación académica e laboral, bolsas e axudas, voluntariado, emprego e prácticas profesionais para estudantes con discapacidade, que Fundación Universia realiza en colaboración coas distintas universidades e institucións.

A Guía ofrece información e recursos que faciliten que o acceso á universidade sexa responsable coa diversidade, inclusivo e de calidade, en canto a criterios de accesibilidade para as persoas con discapacidade. O documento inclúe os contactos das áreas responsables do apoio ás persoas con discapacidade das universidades e os servizos que ofrece cada unha delas.

Varios estudantes esperan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela
Varios estudantes esperan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta