Chamada de atención ao Concello de Ordes por dar traballo de prensa ao seu informático

O Colexio de Xornalista manifestou o seu "malestar" ante un posible caso de "instrusismo" e pide ao Concello que rectifique a atribución de labores.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Malestar no Colexio de Xornalistas por un caso de “intrusismo” no Concello de Ordes. O órgano dos comunicadores de Galicia vén de chamar a atención do consistorio coruñés a raíz da última modificación dos perfís de traballo da institución. Segundo apuntan dende o colexio, a administración local atribúe ao posto de informático labores informativas que serían propias dun xornalista.

Concello de Ordes
Concello de Ordes

Entre estas angueiras estaría o “tratamento, a elaboración e a difusión de información”, traballos que a ollos do Colexio “deben ser levadas a cabo por un profesional da comunicación” pero que no Concello de Ordes estaríanse a desenvolver dende o posto de informático. De aí que o Colexio escribira a pasada semana unha misiva ao Concello solicitándolle que “rectifique” a atribución de competencias para poñer fin a este caso que xerou “malestar” no órgano, como recoñecen no propio escrito achegado.

A carta en cuestión foi asinada polo presidente de CPXG, Francisco X. González, en representación da Xunta de Goberno do Colexio e dirixida ao alcalde do concello coruñés, José Luis Martínez Sanjurjo. Ao parecer, a relación de postos de traballo foi modificada o pasado 27 de maio; unha relación que agora o colexio pide cambiar para que as desenvolta un titulado en comunicación.

“Desde o Colexio lémbraselle ao rexedor ordense que esta atribución de funcións a unha persoa que non é xornalista pode ser considerada ‘intrusismo’”, destacan dende a institución antes de pedir ao Concello que “rectifique” a relación de postos públicos para “devolver as funcións do tratamento, elaboración e difusión da información ao posto do gabinete de comunicación. O CPXG apunta que deste xeito estarían “garantindo” que “a información relacionada co concello sexa tratada por un profesional en base ás funcións que só a titulación en Xornalismo, Comunicación ou a colexiación poden garantir”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta