Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 12/07/2021 | Actualizada ás 22:01
Os colectivos LGBTIQ+ mobilizáronse o luns día 5 de xullo contra a violencia da que son vítimas en non poucas ocasións. A fin de semana un mozo morrera na Coruña por unha malleira que nun principio foi atribuída a un crime de odio contra a orientación sexual dunha persoa. Mais non só a orientación sexual é un dos obxectivos do discurso de odio. O feito de ser pobre, ser xitano, ser inmigrante, a diversidade funcional, a orixe tanto étnica como familiar e outros moitos factores permiten a construción de contextos desfavorables, tanto verbais como físicos, que finalmente poden acabar en accións contra “o diferente”.
DISCURSO DE ODIO
A ONU define o discurso do odio como “calquera forma de comunicación de palabra, por escrito ou a través do comportamento, que sexa un ataque ou utilice linguaxe pexorativa ou discriminatoria en relación cunha persoa ou un grupo sobre a base de quen son ou, noutras palabras, en razón da súa relixión, orixe étnica, nacionalidade, raza, cor, ascendencia, xénero ou outro factor de identidade”.
As diferenzas inclúen tamén o estatus social, sobre todo aquel ligado ao nivel económico das persoas, “aporofobia”, o odio aos pobres. “Nos últimos lustros o incremento das desigualdades sociais fixo aumentar a conflitividade entre sectores sociais, moitas veces os penúltimos contra os últimos” din desde EAPN Galicia, organización detrás do I Cumio contra o Odio celebrado o pasado 16 de xuño. Un exemplo moi común para esparexer o odio entre colectivos é enfrontar ás persoas desempregadas dun país contra a inmigración porque “nos quitan o traballo”, ou difundir a idea de que o movemento LGBTIQ+ “son depravados, son enfermos e hai que eliminalos”.
"Hai unha masculinidade tóxica que tamén se deixou sentir hai unhas semanas na Coruña cando atacaron a unha parella gay" di Ana G. Fernández, da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual. "O discuso de odio desde a ultra dereita parece non ter freo, en Perillo queimaron unha bandeira LGTB, insultos a unha muller trans en Santiago e máis actos como estes". Desde Avante LGTB, confirman o aumento de ataques LGBTIfóbicos. "Durante os dous últimos anos os ataques incrementáronse" din. Por outra parte, engaden que os delitos de odio así como o discurso que hai detrás teñen "unha lexitimación desde as institucións e partidos".
No curso “Comunicación social para combater o discurso do odio” do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entre outros puntos, sinalouse como este discurso contra colectivos de persoas diferentes “aumentou durante os últimos anos”. Un dos motivos está na expansión da Internet e sobre todo o incremento de Redes Sociais (RRSS), un terreo onde os e as difusoras de posicións de odio cren que son inmunes. Esa sensación de impunidade permite a creación de bulos, fake news, desinformación dixital e discursos demagóxicos. "Os influencers que defenden este discurso do odio non proceden dun ou varios ámbitos concretos, a súa orixe está en calquera parte" din desde Avante LGTB.
Desde os colectivos víctimas de odio, teñen asensación de que existe unha asunción deste discurso como “normal” entre capas da sociedade, sobre todo entre moita xente nova, as xeracións coa maior conectividade á Rede grazas ao uso de dispositivos móbiles, computadoras ou tablets. Esta xente nova interioriza posicionamentos de odio moitas veces desde idades temperás que, co paso do tempo, acaban interiorizando como propios.
"As RRSS actúan en tempo real e a transmisión das mensaxes é inmediata a millóns de persoas" di Leonor Galiana, psicóloga e presidenta da Sección de Psicoloxía da Intervención Social. "Os creadores de odio teñen os seus seguidores, fans, que imitan os xestos, aspecto e repiten as mensaxes que emiten pola Rede". Galiana lembra que no contexto actual de pandemia e crise económica "estes discursos caen sobre xente nova e tamén sobre persoas vulnerables" como desempregados e persoas que viven en illamento social.
COMBATER O ODIO
A ONU avisa do grande avance de posturas máis alá da intolerancia, o organismo internacional avisa tamén da importancia de crear modos, vehículos ou muros que freen estas accións contra outros seres humanos sen afectar á libertade de expresión. Isto último creou debates en países democráticos sobre se o dereito de cada cidadán a expresarse libremente se vería limitado con leis anti-odio.
Combater as mensaxes de odio "é un traballo multidisciplinar, lembrando que as familias son o piar básico da formación dunha persoa" sinala Leonor Galiana. O traballo multidisciplinar leva a un labor conxunto entre diferentes sectores sociais. Un dos puntos que se debe tratar sempre segundo Galiana é "que a diferenza enriquece á sociedade onde vives".
No caso español, o artigo 510 do Código Penal tipifica unha serie de medidas punitivas ante accións como ataques a grupos vulnerables, incitar ao odio e á violencia, mesmo o xuíz ou xuíza poden ordenar a destrución daquel material considerado lesivo e denigrante. Nalgúns extremos houbo a necesidade de introducir en leis xa articuladas, o extremo do odio pola condición social. Un exemplo foi a lei de protección á infancia, onde no seu artigo 3 dispón entre as súas Finalidades:
j) “Garantir a erradicación e a protección fronte a calquera tipo de discriminación e a superación dos estereotipos de carácter sexista, racista, homofóbico, bifóbico, transfóbico ou por razóns estéticas, de discapacidade, de enfermidade, de aporofobia ou exclusión social ou por calquera outra circunstancia ou condición persoal, familiar, social ou cultural”.
As solucións aportadas para que o discurso do odio non siga expandíndose pola rede pasan por: non entrar directamente nos debates (non alimentar a trolls ou haters), se é necesario entrar levar sempre argumentos ben construídos para rebater as teses de odio e por último, denunciar cando o delito sexa flagrante. EAPN ve fundamental "traballar con responsabilidade en todos os eidos da educación e difusión para actuarmos sobre aquilo que emitimos nas RRSS". Desde ALAS "queremos axudar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na súa formación en canto os dereitos LGBTI e a súa sensibilización".
A Internet permitiu nos últimos anos aumentar os discursos dirixidos contra determinados sectores sociais ou ideoloxías que os representan. Desta maneira, non é de extrañar que a xente máis nova mediante o uso das redes sociais accedan a discursos de odio, material racista e contidos LGBTIfóbicos. A mellor solución polo de agora é fortalecer o sistema educativo para concienciar aos máis novos da intolerancia agochada detrás destas mensaxes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.