G. Caballero, disposto a seguir á fronte do PSdeG: "O proxecto xerminou, hai que darlle tempo a florecer"

Di sentirse "moi apoiado pola militancia" e avisa: "Este non é un partido de baronías, nin de sectores nin de despachos". Tende a man ao PP para que "rectifique" o seu "suspenso" en reactivación e cre que o BNG "só é útil" cando se sitúa "á beira do PSOE".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2021 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975), móstrase disposto a presentarse ao proceso interno para seguir á fronte do PSdeG outros catro anos, convencido de que o seu proxecto "xerminou", pero que "hai que darlle tempo para florecer".

Nunha entrevista concedida a Europa Press cando se cumpre un ano das últimas eleccións, nas que o PSdeG se situou como terceira forza en Galicia, subliña que a súa formación "avanzou en todos o procesos electorais" aos que concorreu con el á fronte, con resultados que cualifica de "históricos" nas xerais e municipais de 2019. "E conseguimos pasar dun 17% a un 19% nunhas autonómicas caracterizadas pola abstención e nun escenario de primeira onda da covid-19 moi complexo", lembra.

"Estamos en condicións de seguir avanzando", sostén o xefe de filas dos socialistas galegos, que traslada a súa vontade de traballar para que "Galicia teña un PSdeG que sexa capaz de achegar o futuro, a esperanza, a ilusión que tantos galegos non atopan nin na dereita nin nun nacionalismo independentista". A decisión comunicaraa ante a militancia.

Tras poñer en valor os seus máis de 25 anos como militante socialista, incide en que só leva dous anos na Cámara galega. "A señora Pontón leva 17 anos; Feijóo, 16", compara antes de facer fincapé en que o seu proxecto "empeza a xerminar" pero necesita que lle se dea "tempo para que acabe de florecer, de dar froitos".

CONGRESO ANTES DO 19 DE DECEMBRO

O pasado fin de semana o Comité Federal do PSOE aprobou o calendario de procesos internos, que fixa como data límite para os congresos rexionais o 19 de decembro. Preguntado por esta cita, o economista vigués móstrase con "forzas, con ganas e con ilusión" para seguir capitaneando o partido en Galicia. "Galicia é un compromiso e unha paixón. Os galegos merecen un PSdeG activo, que permita xerar esperanza con realismo para as necesidades do futuro e, para iso, vou seguir traballando, dedicando o meu tempo e a miña capacidade", sinala.

Con todo, precisa que a prioridade nestes momentos é a "reactivación e a vacinación". Así, incide en que, ao longo deste ano, a súa vocación foi "centrar a todo o PSdeG" na saída da crise económica e social. "Porque ante unha pandemia de tanto calado non podiamos estar noutra cousa, e sigo crendo que todos os cargos institucionais do PSdeG teñen que estar a dedicar o 100% da súa capacidade a facer as mellores políticas públicas fronte á crise", apunta.

"ESTE NON É UN PARTIDO DE BARONÍAS"

Nunha entrevista realizada antes de que a dirección do PSdeG alertase dun incremento "fraudulento" do censo da agrupación das Pontes, que se duplicou nuns catro días, e preguntado por se o conflito interno existente ente a estrutura galega e a dirección provincial do partido na Coruña, liderada por Formoso, marcará este proceso interno, lembra que hai catro anos gañou "unhas primarias cun apoio inmenso da militancia".

"Os militantes están moi vinculados a este proxecto, síntome moi apoiado pola militancia e por tantos progresistas que saben que o PSdeG avanzou nestes catro anos e que pode e vai seguir avanzando durante os próximos catro", explica, para deixar claro que "non é un partido nin de baronías nin de sectores nin de despachos". "É un partido da militancia que ten como obxectivo servir a Galicia", manifesta.

Así mesmo, sobre se vería positivo para a formación que houbese máis candidaturas que una para a Secretaría Xeral do PSdeG, defende as primarias e afirma que "o orgánico" é un debate que a el lle "resulta moi cómodo". "Creo nas primarias, sempre o fixen", sostén para volver lembrar que os militantes lle deron "un inmenso apoio" no XIII Congreso do PSdeG celebrado en 2017.

Neste punto tamén se pronuncia sobre as voces internas que viron na designación de José Miñones como delegado do Goberno un movemento de Ferraz na súa contra ao asegurar que "parte de todos eses argumentos trasladados naquel momento non eran certos". Así, destaca a súa boa relación co delegado, de quen pon en valor a súa "inmensa capacidade de traballo", e lembra que forma parte da súa executiva. Tras iso, e preguntado sobre se conta co apoio da dirección nacional do PSOE, subliña que el ten "o respaldo da militancia" e sempre tivo "unha magnífica relación coa dirección federal ao longo destes anos".

"FEIJÓO NON ESTÁ Á ALTURA"

Na entrevista con Europa Press, Gonzalo Caballero tamén se sitúa sobre a xestión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, neste primeiro ano de lexislatura. "Constatamos que Feijóo non está á altura de liderar a reactivación económica e social de Galicia, que a Xunta ten os brazos caídos e que, a pesar de ter nas súas mans a maior cantidade de fondos públicos que ningún outro goberno tivese, perdeu a oportunidade de avanzar nunha reactivación que permita xerar emprego", considera.

Neste contexto, lamenta que o Feijóo e o PPdeG rexeitasen a vontade "constante" do PSdeG para chegar a acordos e que optase por "camiñar de forma unilateral" en órganos como a comisión posta en marcha na Cámara galega para abordar a saída da crise económica e social derivada da pandemia.

"Nós presentamos un proxecto de reactivación que quere priorizar a xeración de emprego, darlle prioridade aos mozos e ás mulleres para que non saian atrasadas desta crise, apostar polos servizos públicos", destaca para deixar claro que a súa formación "non pode ser cómplice da incapacidade do goberno do PP".

Con todo, non rexeita a posibilidade de chegar a un acordo de cara ao ditame que será aprobado o martes, pero deixa claro que a proposta dos conservadores é "insuficiente e incapaz de liderar unha reactivación". "Queremos que o PP e o Goberno conservador de Galicia melloren. Se rectifican e fan as cousas adecuadamente, sempre terán a man tendida e a disposición de cooperar do PSdeG", afirma.

Neste contexto, preguntado por que interlocutor lle resulta ao PSdeG máis cómodo no Pazo do Hórreo, se o PP ou BNG, reivindica o seu talante "dialogante" e "conciliador". "No diálogo todos somos necesarios, no diálogo todos podemos atoparnos, pero o PSdeG está enfronte do PP e cre que o resto de forzas progresistas son aliadas en beneficio do progreso", incide.

Con todo, marca distancias cos nacionalistas ao asegurar que o PSOE non comparte o "ADN separatista e independentista que parte do BNG ten exposto no seu proxecto político". Ademais, tras lembrar o voto en contra do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado, que considera como "un erro histórico", subliña que o Bloque "só é útil cando se pon á beira do PSOE, cando se pon a traballar por unha causa progresista liderada polo PSOE".

Arquivo - O secretario xeral do Partido Socalista de Galicia (PSdG), Gonzalo Caballero, pousa despois dunha entrevista con Europa Press, na Praza do Obradoiro, fronte á catedral de Santiago, a 7 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela, A Co. César Arxina - Europa Press - Arquivo
Arquivo - O secretario xeral do Partido Socalista de Galicia (PSdG), Gonzalo Caballero, pousa despois dunha entrevista con Europa Press, na Praza do Obradoiro, fronte á catedral de Santiago, a 7 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela, A Co. César Arxina - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta