A venda de bivalvos ingresa 14,4 millóns de euros menos en 2020 debido á pandemia

O 76% das perdas están asociadas á caída da produción de mexillón.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2021 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O 'Anuario de Acuicultura Mariña' de 2020 reflicte un forte descenso na produción e comercialización de bivalvos no conxunto do exercicio en Galicia, debido principalmente á pandemia. Segundo os datos da publicación, elaborada pola Consellería do Mar, o sector pechou o ano cunha extracción de 235.578.436 quilos que xeraron uns ingresos de máis de 125 millóns de euros.

A maior parte desas magnitudes achégaas o cultivo de mexillón, que concentra o 98,8% da produción e preto do 81% dos ingresos por vendas. Con todo, en termos xerais, é o peor ano desde 2013. O impacto da pandemia, co peche da hostalaría durante varios períodos do ano, foi determinante na caída da produción e dos ingresos. Así, con respecto a 2019, deixaron de extraerse 23,4 millóns de quilos (22,7 deles, mexillón), o que supuxo un descenso das vendas de 14,4 millóns (10,9 imputables ao mexillón).

A redución fíxose extensible ás especies principais --ostra, ameixa babosa e ameixa fina, entre outras--, coa excepción da ameixa xaponesa, que a pesar de rexistrar unha diminución de capturas de máis de 81 toneladas en relación co ano 2019, aumentou en 680.000 os ingresos, debido a unha maior cotización nas lonxas.

Diferente foi o comportamento dunha actividade pequena en comparación cos bivalvos, aínda incipiente como é a extracción de algas, que mellorou as súas cifras en 2020 ata superar as 1,5 toneladas de produción e os 10.150 euros, unha subida do 57,8 e 46,6%, respectivamente.

PERMISOS A PÉ

Os datos sobre a evolución dos permisos de explotación a pé tamén reflicten un descenso en Galicia, que aínda que foi testemuñal entre 2016 e 2018 (de 3.799 a 3.792), acentuouse ao termo de 2019 e acelerouse en 2020. Deste xeito, ao peche do ano 2019 perdéronse en Galicia 15 permisos de explotación a pé con respecto a un ano antes, mentres que ao peche de 2020 as autorizacións baixaron ata as 3.724, é dicir, unha destrución de 53 carnés en apenas 12 meses.

Bateas de cultivo de mexillón nas rías galegas. C.R. MEXILLÓN DE GALICIA - Arquivo
Bateas de cultivo de mexillón nas rías galegas. C.R. MEXILLÓN DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta