A Xunta considera "inviable" sacar a planta de Ence da ría de Pontevedra

O vicepresidente económico reduce a un "debate ficticio" o traslado, porque "é inviable". O BNG reclama á Xunta que busque "alternativas" ante a "grande oportunidade" que pode supor abandonar Lourizán.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/07/2021 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, reduce a un "debate ficticio" que Ence poida cambiar o emprazamento da súa pasteira da ría de Pontevedra porque "é inviable", pois "é a propia empresa a que está a trasladar a súa inviabilidade".

A biofábrica de Ence situada á beira da ría de Pontevedra, separadas pola estrada que une á cidade de Pontevedra con Marín
A biofábrica de Ence situada á beira da ría de Pontevedra, separadas pola estrada que une á cidade de Pontevedra con Marín | Fonte: Europa Press.

"Imos seguir defendendo a continuidade de Ence onde a empresa di que é o único sitio onde pode ter viabilidade ese emprazamento industrial", afirmou Conde este xoves en resposta a unha interpelación do BNG no pleno do Parlamento galego.

O pasado mes de abril, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "sempre está a posibilidade" de buscar outra localización para Ence en Galicia, pero só se hai fondos para o traslado e á vez que se mantén a actividade na ría de Pontevedra mentres tanto.

"Sempre está a posibilidade se atopamos lugar, e sobre todo se atopamos fondos, para trasladar esa pasteira", afirmou por entón Núñez Feijóo.

Con todo, Conde asevera que a opción de traslado de localización "é inviable". De feito, censura que o Goberno e os seus socios "non están a medir as consecuencias de promover cambios sen ter unha solución", de maneira que as súas receitas "supoñen paro" e só dan lugar a un debate "estéril".

O conselleiro de Economía arremete contra o Goberno de PSOE e Podemos, "apoiado polo BNG", que "toma a decisión política de pechar Ence". Pregúntase "onde está esa alternativa" e os fondos europeos que "centraliza" o Goberno de Pedro Sánchez.

Tamén fala de "enorme" dano ao sector forestal galego. Por iso, espera que a Audiencia Nacional "avale" a ampliación da prórroga a Ence na ría.

O BNG RECLAMA "ALTERNATIVAS

Pola súa banda, o deputado Luís Bará (BNG) recriminou a "unidade" entre PP e Ence. Responsabiliza os populares + "dunha das maiores infamias na historia de Galicia" pola prórroga "indecente" á compañía en Lourizán.

Bará empraza á Xunta a buscar "alternativas" ante a "grande oportunidade" que pode supor que Ence teña que abandonar a ría, no canto de exercer como "mamporrero" da empresa. A este respecto, pon o foco sobre as posibilidades que ofrecen os fondos europeos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta