Os empresarios coruñeses homenaxean ao presidente de Iberdrola, imputado no caso Villarejo

Está acusado de varios delitos por pedir ao ex-comisario que espiara a Florentino Pérez, entre outros.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A Confederación de Empresarios da Coruña homenaxeará ao presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, recentemente imputado polo xuíz no tocante ao 'Caso Villarejo'. O empresario, natural de Salamanca, que tamén exerce como conselleiro delegado da eléctrica, foi imputado pola xustiza a finais do pasado mes de xuño por ter encargado, presuntamente, traballos ilícitos ao ex-comisario Villarejo, condenado por ter actuado á marxe da lei en diversos procesos policiais, varios deles desenvoltos para favores a membros do PP estatal; entre eles Ignacio González.

O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán
O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán | Fonte: EFE

A homenaxe a Ignacio Sánchez Galán por parte da CEC queda marcada para o vindeiro venres 23 ás 9:30 nun hotel do centro da cidade. A cita destaca porque Sánchez Galán, nestes momentos, está acusado de varios delitos que poderían comportar multas millonarias e mesmo penas de prisión. En particular, a Fiscalía acúsao dun delito continuado de cohecho activo, outro delito contra a intimidade e, por último, falsidade en documentos mercantís.

ESPIONAXE

Todo por ter encargado, presuntamente, traballos ilícitos ao agora ex-comisario Villarejo. Xornadas atrás, o xuíz que leva a causa decidiu aprazar a declaración como imputado de Sánchez Galán logo de que este presentara, a través da compañía, un recurso de nulidade para o auto imputatorio por "indefensión".

O xuíz queda, nestes momentos, á espera de que se resolva tal recursos de nulidade para poder chamar a declarar a Sánchez Galán sen incorrer nun suposto legal de indefensión. A imputación de Galán veu da man doutros tres altos cargos da eléctrica, acusados de ter contratado o servizos do ex-comisario para espiar a, entre outras figuras, Florentino Pérez. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta