ANOVA, o partido-movemento que Galicia necesita

ANOVA está pasando por unha grave crise organizativa e iso porque as dúas culturas que conviven na devandita estrutura política non foron quen de chegar a unha axeitada síntese. Deste xeito a cultura horizontal encarnada polos partidarios do «partido-movemento» e a obsoleta «cultura nacionalista clásica» seguen coexistiendo pero de xeito conflictivo. Cómpre que ambas as dúas maneiras de entender a organización cheguen a unha síntese consensuada ou, cando menos, a un “acordo de mínimos” que sirva para continuar a travesía.

Por Óscar Lomba | Vigo | 26/12/2013

Comparte esta noticia
Cremos que ANOVA carece dunha liña de actuación coherente e verdadeiramente ligada aos diferentes movementos sociais e de masas. É imprescindíbel que aquel embrionario Novo Proxecto Común (NPC) e o seu inicial espírito de fraternidade e irmandade volvan personificar o espírito da actual ANOVA. Resulta urxente a convocatoria dunha asemblea nacional extraordinaria que sirva para analizar repousadamente e con espírito crítico, pero constructivo, todos estes temas.
 
Desde o noso punto de vista a futura ANOVA debería ser o motor dun movemento político-social moito máis amplo e que debería sosterse sobre cinco compoñentes esenciais, sen os cales é moi difícil alcanzar o suficiente apoio social:
1. Unha dimensión ideolóxica e política anticapitalista e soberanista, mais que procure amplos apoios e consensos políticos e sociais.
2. Un programa político ben definido e que podería adoptar como punto de partida os acordos programáticos aprobados na última asemblea nacional, pero que debería nutrirse con todas as achegas que fagan os propios movementos sociais.
3. Un chamamento público a todas as persoas, grupos cidadáns, movementos sociais e outros sectores sociais, cuxas perspectiva de vida e intereses son os mesmos que os da maioría social galega, co obxectivo de facer realidade a ruptura co réxime da segunda restauración borbónica nacida da transición española.
4. Debemos converter o novo referente no instrumento para a acción política directa da sociedade civil coa finalidade de trasladar as necesidades sociais a ámbitos de decisión política e levar ás institucións unhas formulacións programáticas para o cambio e a creba democrática. Pero non temos que actuar, en última instancia, só nas institucións democráticas, senón que debemos estar presente en todos e cada uns dos conflitos e mobilizacións populares que se produzan no escenario social galego. Debemos, ademais, ter en conta a exploración de novos ámbitos de democracia directa.
5. A nosa estratexia debe ordenar axeitadamente todos os ingredientes mencionados, e procurar os aliados necesarios para non malograr o proxecto.
 
E non hai dúbida ningunha que en Galicia existe un novo suxeito político que é Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e que segue tendo un líder indiscutíbel que é Xosé Manuel Beiras Torrado. Desta maneira o interpretaron os votantes de AGE nas últimas eleccións ao parlamento galego e ségueo discernindo o conxunto da sociedade galega.
 
A recente crise interna de ANOVA tense de interpretar máis no debate interno dunha “criatura” que naceu prematuramente e antes de saber andar foi quen de pilotar unha motocicleta de gran cilindrada... É preciso máis tempo para encaixar axeitadamente todas as culturas e pezas que conviven en ANOVA. E para iso fai falta máis tempo.
 
Algúns dos que iniciamos este proceso moito antes da creación de ANOVA e participamos da súa fundación fomos alertando que o modelo organizativo non era o adecuado. Inclusive dabamos como proposta unha estrutura semellante á fronte Ampla uruguaia, unha fronte política en permanente contacto cos movementos sociais e a sociedade civil.
 
A conformación de ANOVA foi o resultado da incorporación de distintas sensibilidade políticas e distintas experiencias que soamente estaban vinculadas arredor da figura de Xose Manuel Beiras e a compartida arela de construír un novo referente da esquerda crítica coa cultura partidaria tradicional. Malia iso a forza impulsora e hexemónica neste ilusionador proxecto era Encontro Irmandiño que asumiu  responsabilidade de tutelar o proceso de construcción do Novo Proxecto Común e continuou dirixindo a vida orgánica da nova estructura nada na asemblea constituinte de ANOVA-Irmandade Nacionalista. As devanditas equivocacións orgánicas deron lugar ás primeiras equivocacións políticas como foi definir o acordo de AGE como unha simple coalición técnico electoral que se concretaría nun exclusivo acordo estrictamente parlamentario. Cando a cidadanía depositara neste acordo político un desexo de continuidade electoral e de loita para conseguir unha autentica ruptura democrática. Este foi o primeiro indicio de que algúns grupos internos non procuraban realmente a unidade da esquerda e esta foi asemade a primeira decepción para nosa electorado.
 
Ante esta crise orgánica e política de ANOVA achamos que cómpre tomar algunhas decisións. En primeiro lugar apostar decididamente por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) co horizonte de ampliar a súa base política e social. Pensamos que é preciso que este acordo electoral se converta nun instrumento de mobilización cidadá que logre ser parte dunha futura gran fronte ampla, antineoliberal, republicana e de esquerda que derrote ás políticas do Partido Popular, e que o faga xa na vindeira confrontación electoral. Opinamos que Alternativa Galega de Esquerda (AGE) debería converterse no autentico motor que aglutine ao resto de suxeitos sociais e políticos que se opoñen a este réxime putrefacto.
 
Finalmente consideramos que resulta imprescindible consolidar Alternativa Galega de Esquerda (AGE) como fórmula unitaria e construción orixinal dunha nova identidade transformadora que aglutine de toda a esquerda social e política rupturista. A irrupción electoral e a tendencia progresiva á alza que Alternativa Galega de Esquerda (AGE) conseguiu nun espazo temporal tan breve demostra que a cidadanía galega demanda novas ferramentas políticas afastadas de vellos esquemas, pensamentos reducionistas, dogmatismos e sectarismos. Finalmente pensamos que ANOVA debe cuestionar esquemas vetustos e potenciar unha nova cultura baseada no ben común, a cooperación política e a radicalidade democrática.
 
Artigo asinado por  Óscar Lomba Álvarez e Lois Pérez Leira

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.