As orquestras e verbenas galegas protestan en Santiago con cancións populares para que "non as deixen morrer"

O sector esixe "protocolos que se axusten á realidade" e estima que, das 200 orquestras que operan en Galicia, poucas máis de 20 poderán traballar no que queda de ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2021 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

Centos de representantes do sector das orquestras e verbenas de Galicia tomaron este sábado as rúas de Santiago de Compostela para esixir, tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central, que desenvolvan "uns protocolos que se axusten á realidade" das festas populares e que non o discrimine con respecto aos sectores hostaleiro e comercial.

Así o manifestou minutos antes da protesta o presidente da Asociación de Músicos e Profesionais do Espectáculo de Galicia (Amproega), Diego Grande, que explicou que o sector leva "máis de medio ano agonizando". O representante do sector criticou que desde as administracións non se dean solucións "efectivas" para evitar que o sector desapareza.

"As orquestras non confían na reactivación da que falan os políticos", recoñeceu Grande. O portavoz contrapuxo a maior laxitude en medidas e protocolos aplicados a locais de hostalaría e centros comerciais con "os férreos requisitos que se lles pide ás comisións de festas".

O presidente de Amproega condensou a mensaxe do sector aos organismos públicos coa proclama "Queremos recuperar as nosas vidas!", lema da manifestación que a súa asociación levou a cabo este sábado en Santiago de Compostela, xunto á Asociación de Servizos da Festa Galega (Serfega) e a Asociación Galega de Orquestras (AGO).

"FORZADAS A DESAPARECER"

"Moitas das orquestras que traballaban na comunidade víronse forzadas a desaparecer", afirmou Grande, "e das que quedan, moitas desaparecerán ao non poder traballar cunhas condicións mínimas". Estima que das 200 orquestras existentes actualmente en Galicia, só 20 poderán operar no que queda de ano.

Para o sector, é inviable que "se aplique o mesmo modelo de restricións que, por exemplo na hostalaría". "As orquestras e verbenas moven tal cantidade de material e recursos que fai imposible traballar dun día para outro", sinalou o portavoz de Amproega. Tamén salientou o feito de que, debido ás esixencias "desmedidas" da Administración, moitas comisións de festas optan por non organizar ningún tipo de festexo.

Cuestionado sobre a proba piloto que o Goberno galego desenvolveu durante o mes de xuño en seis municipios galegos, Grande considerou que o resultado obtido "non foi real", xa que "se aplicaron unhas medidas que xa non tiñan cabida nos novos protocolos aplicados pola Xunta". Na súa opinión, "só serviron para desmotivar ás pequenas comisións de festas".

Tampouco tivo dúbidas en sinalar ao Executivo autonómico e ao Goberno como causantes da situación precaria dos traballadores do sector. "Comezaron a pagar axudas que supostamente corresponden ao período do ano pasado, e non temos constancia de que se vaia a facer algo máis", engadiu.

NECESIDADE DE MEDIDAS

Entre os asistentes á manifestación púidose ver a integrantes das principais orquestras de Galicia. A marcha desenvolveuse baixo un ambiente festivo, coa interpretación de cancións típicas das festas populares, aínda que sen embazar as peticións dos colectivos, recollidas en diferentes pancartas.

O seu percorrido --no que se cruzaron con actos das Festas do Apóstolo-- levounos ata a Praza de Praterías, onde as tres asociacións organizadoras fixeron lectura dun manifesto no que esixen á Administración "que tome medidas dunha vez para non deixar morrer ao sector".

Orquestras como Panorama e Olympus xa anunciaron que non volverán traballar no que resta de ano. Outras buscan adaptar o seu formato á nova situación, con pequenas actuacións nas que só participan os cantantes. Pero para o sector non é suficiente. "Se as grandes orquestras están a sufrir para non desaparecer, que dicir das empresas máis pequenas", finalizou o presidente de Amproega.

Manifestación do sector das orquestras e verbenas de Galicia para pedir a Xunta e Goberno protocolos e axudas ás empresas
Manifestación do sector das orquestras e verbenas de Galicia para pedir a Xunta e Goberno protocolos e axudas ás empresas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta