Máis dun milleiro de alegacións ao parque eólico de Caaveiro, que tramita o Goberno central

A instalación, do mesmo xeito que a de Tesouro, conta co informe desfavorable da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | | 25/07/2021 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

O proxecto de Enel Green Power España para instalar un parque eólico de 14 aeroxeradores e infraestruturas de evacuación nos concellos de Fene, Neda, Cabanas, A Capela, San Sadurniño e As Pontes está a xerar un rexeitamento xeneralizado entre os habitantes do seis municipios afectados.

O período de información pública do estudo de impacto ambiental e da solicitude de autorización administrativa previa finaliza este martes, día 27, e en total son xa preto dun milleiro as alegacións presentadas, tanto das administracións locais como da propia cidadanía, xa sexa a título individual, xa sexa a través das plataformas de oposición á devandita instalación.

O de Caaveiro (78 megawatts) forma parte dun macroparque con en o que a promotora quere instalar 611 megawatts de potencia na zona a través de seis polígonos.

Á marxe do de Caaveiro, o proxecto inclúe outros cinco: o de Badulaque (90 MW e que afecta os municipios de Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes); Barqueiro (de 150 MW nos concellos de Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes); Moeche (de 53 MW en San Sadurniño, Moeche, As Somozas e As Pontes); Santuario (de 180 MW nas Pontes, Xermade, Vilalba e Guitiriz) e Tesouro, de 60 megawatts, nas Pontes e A Capela. Neste último, o prazo para presentar alegacións tamén conclúe este martes.

O tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, confirmou que o Concello presentará este luns as súas alegacións. Son sete e súmanse ás que presentaron os veciños nas últimas semanas.

INFORME DESFAVORABLE DA XUNTA

Ademais das afeccións á fauna e a flora, ao patrimonio cultural, ás actividades agropecuarias e forestais, aos programas de turismo e ao propio benestar dos habitantes --pola proximidade das instalacións a algunhas vivendas--, as obxeccións remiten tamén ao informe desfavorable da Xunta por estar proxectado fóra das áreas de desenvolvemento eólico fixados na súa normativa pola Administración autonómica.

En Neda, por exemplo, alegaron preto de medio milleiro de veciños. No caso de San Sadurniño, o seu alcalde, Secundino García lembrou que a través do servizo de asesoramento activado para canalizar o rexeitamento da cidadanía recolléronse 180 alegacións, ás que hai que sumar as que rexistrarán varios veciños a título individual.

O propio Concello, explicou este mediodía, presentará as súas nas próximas horas, que están en sintonía coas que xa se tramitaron, ademais de engadir o informe desfavorable da Xunta. "Entendemos", sinalou García, "que a intención da promotora de instalar este parque non prosperará".

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo / Greenalia. / Europa Press
Parque eólico de Greenalia en Vimianzo / Greenalia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta