O PPdeG ve "moi complicado" lograr un acordo para reformar o estatuto de autonomía

Pedro Puy censurou que o BNG "está a avogar pola autodeterminación" e criticou a presenza de Oriol Junqueras na manifestación do Día Nacional de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2021 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O PPdeG ve "moi complicado" lograr o establecemento dunhas "mínimas bases" para que haxa un acordo entre os grupos parlamentarios para reformar o estatuto de autonomía de Galicia. Así o dixo a preguntas dos xornalistas o portavoz parlamentario dos populares galegos, Pedro Puy, en relación coa proposta que o PSOE galego realizará para "actualizar" o estatuto. Esta é, en todo caso, unha "reflexión persoal ás toas", segundo puntualizou Puy, xa que o PP galego non tivo "ocasión" de debater este asunto nin a nivel de grupo, nin de partido, nin de goberno.

Pedro Puy apelou aos discursos políticos deste fin de semana no que se celebrou o Día de Galicia para censurar que a principal forza da oposición "está a avogar pola autodeterminación" e "fai explícito que o seu socio é aquel que xerou un problema xurídico e mesmo condenas por vulnerar a Constitución en Cataluña", en referencia á participación de Oriol Junqueras nun acto co BNG. O "primeiro" que se lle ocorreu a Puy é preguntarse "para que" se pretende facer a reforma do estatuto, antes de reivindicar "actos institucionais nos que se defende o estado autonómico e avanzar na cooperación".

Mentres o principal partido da oposición, o Bloque, "reivindica o dereito de autodeterminación" e "recupera o discurso de que Galicia é unha colonia", o portavoz do PPdeG na Cámara galega cre "complicado buscar unha saída" a través da cal ser "capaces de poñerse de acordo". Neste sentido, asegurou que o anterior intento de reformar o estatuto "fracasou" e iso "tivo bastante que ver" con "discrepancias internas" no BNG.

Neste extremo, afirmou que non entende "cales son as prioridades para o Partido Socialista", aínda que o PP "atenderá as solicitudes que se fagan". Con todo, "enormemente escéptico sobre a posibilidade de que as tres forzas" cheguen a un consenso, "tendo en conta sobre todo" a postura dos nacionalistas, reiterou que ve "moi complicado que poida haber unhas mínimas bases para un acordo estatutario".

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa. PP
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa. PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta