Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2025 | Actualizada ás 12:28
O portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, culpou ao Goberno central, dirixido por Pedro Sánchez, sobre o apagamento e asegura que "o fanatismo ideolóxico levou a desestabilizar o sistema e causar un cero eléctrico". "En España este Goberno pechou as centrais térmicas, cando seguen funcionando en países da nosa contorna, quere agora pechar ás centrais nucleares e o que está a facer é que o noso sistema eléctrico dependa fundamentalmente de renovables, da eólica, da fotovoltaica e iso é o que dá inestabilidade ao sistema eléctrico", sinalou nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press.
Para Tellado, o apagamento enerxético xeneralizado rexistrado o luns, día 28 de abril, foi unha "neglixencia sen precedentes", da que "é responsable máxima" a presidenta de Rede Eléctrica de España, Beatriz Corredor. Ademais, acusou ao Executivo central dun "apagamento informativo" co obxectivo de "tapar" o sucedido para que os cidadáns españois "esquezan unha apagada histórica". En España, continuou, restableceuse o abastecemento en 20 horas "grazas ás centrais térmicas de Marrocos e ás nucleares de Francia". "Vaia hipocrisía e vaia contradición a que se atopou o goberno de Pedro Sánchez", apuntou sobre se se debe abrir o debate sobre as centrais nucleares. Tellado considerou que "hai que abrir o debate sobre o mal funcionamento do sistema eléctrico español, da man do goberno de Pedro Sánchez e de como ese fanatismo climático, esa ideoloxía se teña imposto á racionalidade".
SITUACIÓN DOS TRENS
Noutra orde de asuntos, consultado sobre a situación ferroviaria en España, Tellado afirmou que, desde que Óscar Puente, é Ministro de Transportes o sistema ferroviario "perdeu moitísima calidade e o insólito agora é que un tren saia á súa hora". Para o portavoz dos populares no Congreso "non vale" o que fai o Goberno central de "botar a culpa" ás operadoras cando, "en realidade, é que o Adif é o principal responsable". "O sistema ferroviario en España, lamentablemente, está a perder moitísima calidade e ten moito que ver coa política de nomeamentos do Goberno de Sánchez", apuntou.
REDUCIÓN DA XORNADA
En canto á redución da xornada laboral, Tellado asegurou que desde o PP "son partidarios" da flexibilización e da mellora da conciliación, da vida familiar e laboral das persoas, pero "non da forma que se está facendo". "Reducir a xornada laboral nestes momentos é unha temeridade, porque é verdade que as grandes empresas do noso país quizais poidan afrontar esa decisión sen tantos problemas, pero que é unha decisión que a pequena e mediana empresa non vai poder asumir. España ten un problema de produtividade gravísimo", sentenciou. Neste contexto, insistiu en que para reducir a xornada laboral "ten que haber un acordo" entre os axentes sociais, a patronal e sindicatos. "Neste caso o que hai é unha imposición. Imponse a proposta da Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, por enriba de calquera diálogo social e iso cremos que é negativo para España", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.