En marcha o estatal "Plan Moves" malia que Feijóo cuestiona financiar vehículos eléctricos "sen límite de prezo"

Os incentivos á mobilidade eléctrica poderán solicitarse a partir do 13 de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2021 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves a posta en marcha do terceiro 'Plan Moves', o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica xestionado polas comunidades, que contará cun total de 22,7 millóns de euros para a compra de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo precisou que as axudas estarán dirixidas a particulares, comunidades de propietarios, empresas, entidades locais e administracións públicas, incluída a Xunta.

Todos poderán solicitalas a partir do 13 de setembro, momento a partir do que se irán adxudicando os apoios segundo orde de chegada ata que finalice o prazo, o último día de 2023. O presidente galego remarcou que as axudas estarán dispoñibles ata que se esgote o crédito do plan, podendo finalizar este antes do previsto.

Así mesmo, as solicitudes tramitaranse a través das entidades colaboradoras, que son os concesionarios, para a compra dos vehículos; e os instaladores de baixa tensión, para implantar os puntos de recarga.

Feijóo destacou que as previsións, tras a execución do plan, prevén mobilizar case 98 de euros, un aforro económico de 2,3 millóns anuais en custos de combustible e unha redución do CO2 equivalente a 186.000 árbores.

"REPENSAR ESTE TIPO DE POLÍTICA"

En referencia ás posibilidades que ofrece este plan ás rendas medias e baixas, Feijóo matizou a súa postura respecto diso e considerou discutible e "sorprendente" que se poidan financiar vehículos eléctricos "sen límite de prezo, de ata 100.000 euros".

"Imos ver se este plan funciona, xa que é unha cuestión discutible que esteamos a ofrecer ata 9.000 euros por adquirir un vehículo eléctrico, sen límite de prezo, e non esteamos a retirar das estradas aqueles automóbiles de máis de 12 anos. Deberiamos repensar este tipo de política se realmente buscamos incentivar a compra de vehículos e diminuír o nivel do CO2", sentenciou.

Reunión do Consello da Xunta / David Cabezón - Xunta de Galicia. / Europa Press
Reunión do Consello da Xunta / David Cabezón - Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta