Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 14:47
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, deixou a porta aberta a novas bonificacións tanto para vehículos lixeiros como pesados nas autoestradas de titularidade autonómica, tras subliñar que as rebaixas nas peaxes para familias numerosas na AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Vigo-Baiona) entrarán en vigor a mediados de agosto. Fíxoo durante unha visita institucional á Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), acompañada do seu presidente, Luís Sánchez, e Ingnacio Louro, representante da asociación.
O presidente de AGAFAN agradeceu á conselleira por levar a cabo esta medida atendendo as peticións da asociación, e lamentouse de que o Goberno rexeitase aplicar a mesma medida á AP-9, ante a petición da Xunta. A conselleira resaltou que as autoestradas galegas "son das máis baratas de España", pero que con esta medida dáse "un paso máis". Estas novas bonificacións estenden 24 horas o período das xa existentes, do 25% na viaxe de volta e do 50% na segunda viaxe de volta en 24 horas.
Con esta nova medida, as familias numerosas terán unha bonificación do 100% na viaxe de volta durante 24 horas. "É unha medida esperada por AGAFAN e polas case 27.000 familias numerosas que hai en Galicia, estimamos que serán 80.000 viaxes que terán estes descontos", dixo Vázquez.
A conselleira de infraestrutura manifestou que "Galicia é pioneira en bonificación de peaxes a familias numerosas e por tanto, pioneira na lei de impulso demográfico en Galicia". Destacou en materia de mobilidade algunhas medidas como o cartón Xente Nova ou o Plan de Transporte Metropolitano que, segundo a conselleira, "non deixa dúbida do traballo da Xunta pensando na economía das familias ou na mobilidade máis alternativa e máis sustentable".
BONIFICACIÓN COMPLEMENTARIA
Esta medida súmase ás xa existentes, polo que se unha familia fai a viaxe en horario nocturno, tería un desconto do 50% na ida e do 100% na volta. O desconto non se aplicará, de momento, os domingos e festivos. Para poder acceder a estas bonificacións as familias deberán darse de alta cubrindo un formulario. Inclúese ás familias numerosas de categoría especial e ás que teñan custodia compartida, polo que poderán ter dous vehículos e dúas telepeaxes para acceder a estas bonificacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.