Polémica no pleno de Vimianzo pola comuñón da filla da alcaldesa, que alega cumpría "todos os requisitos"

O grupo Adiante Vimianzo pregunta se no evento "houbo control ou non" e a rexedora afea que se leve á pleno cuestións sobre a súa "vida persoal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Vimianzo viviu este venres unha polémica tras a celebración da comuñón da filla da alcaldesa, a socialista Mónica Rodríguez, con case 200 invitados. A unha pregunta exposta na sesión por Adiante Vimianzo --principal grupo da oposición--, a rexedora defendeu que o evento, celebrado nunha leira familiar, foi contratado a un profesional de hostalaría e contaba "con todos os requisitos legais", incluída a comunicación do evento á Consellería de Sanidade.

No pleno, a portavoz municipal de Adiante Vimianzo, Marta Rey, sinalou que a celebración desta comuñón o pasado sábado, 24 de xullo, tivera lugar o mesmo día en que o municipio subía ao nivel alto dos niveis de restricións establecidos pola Xunta, que implicaban ademais que para acceder ao interior dos bares e restaurantes os clientes debían portar un certificado de vacinación ou de realizarse unha proba covid-19. Neste contexto, Reiy interpelou á rexedora socialista "se houbo algún tipo de control" na celebración da comuñón da súa filla.

Na súa resposta, Rodríguez insistiu en que "non ten nada que ocultar" respecto diso, xa que contratou o evento a un hostaleiro e contaba "con todos os requisitos legais". "Temos a comunicación que houbo que facer á Consellería de Sanidade. Non é un documento público, pero non teño ningún inconvinte en mostrarllo", díxolle, á vez que defendeu que a celebración cumpriu "rigorosamente cos horarios".

A alcaldesa tamén recalcou que os asistentes estaban dispostos "en mesas de seis", tal e como dispón a normativa da Xunta. Ademais, asegurou que "sen ter por que", durante a mañá, "todos os invitados fixéronse a proba".

Mónica Rodríguez tamén indicou que ese mesmo día "casaron moitas parellas" e fixeron a primeira comuñón "moitos nenos". "Eu tamén terei o dereito a facer a miña vida persoal, loxicamente coidando e cumprindo todas as obrigacións, como unha persoa máis", engadiu, durante a súa resposta.

Por iso, a alcaldesa, coa voz entrecortada, mostrou o seu malestar por que Adiante Vimianzo fixese desta cuestión persoal "un punto importante" da orde do día. "Vostede é nai, como eu. Que pouca responsabilidade", espetou a alcaldesa.

Na quenda de réplica, Marta Rey contestou á alcaldesa que a súa pregunta non pretendía facer "unha crítica persoal", senón trasladar "o que piden os veciños". "Calquera persoa, vostede como alcaldesa, nós como concelleiras e calquera outro veciño ten dereito a celebrar os eventos que considere na súa vida familiar. Simplemente era unha pregunta de se houbo ou non houbo ese control", xustificou a portavoz de Adiante Vimianzo.

Finalmente, a rexedora reprochoulle que ela "xamais", no oito anos que estivo na oposición, "fixo ningún comentario sobre a súa vida persoal" do resto de membros da corporación.
"Pido que me critiquedes a min, os meus xestos, as miñas actitudes e as miñas accións. Miñas e do meu equipo, que facemos todo coas maiores ganas do mundo. Pero unha vez máis vos pido que deixedes as nosas vidas persoais, sobre todo a miña", resolveu Rodríguez.

Monica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo
Monica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo | Fonte: adiantegalicia.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un de Vimianzo

O límite das restricións é de 10 persoas en espazos privados abertos. Na macrofesta da alcaldesa eran 200!!! Escándaloooo! Que di a Xunta sobre a suposta autorización de Sanidade que di a Alcaldesa que tiña para poder celebrar a festa no ámbito privado?