GC Aberto

Ence contra a cidadanía de Pontevedra

O boicot que os traballadores de ENCE fixeron hoxe ao Pregón das Festas da Peregrina, supón un chanzo máis na carreira de despropósitos á que nos teñen acostumadas, porque non indica só unha absoluta falta de respecto pola pregoeira, senón tamén por toda a cidadanía pontevedresa que quere -porque ten dereito- gozar das súas festas patronais!

Por admin | Pontevedra | 07/08/2021

Comparte esta noticia

Con esta vergoñenta actuación, os traballadores, os seus comités e a propia ENCE, sitúanse de forma evidente en contra de toda a cidadanía de Pontevedra e a comarca, mesmo dunha boa parte de quen podían sintonizar coas súas reivindicacións. Perden, con seguridade, moitos apoios entre esa cidadanía a quen queren deixar sen festas da Peregrina!

Un traballador de ENCE Pontevedra cun casco de traballo e acompañado de transportistas de madeira acode a unha sentada organizada na Coruña diante da Delegación do Goberno para esixir garantías de emprego, na Coruña, (Galicia), a 5 de marzo de 202. M. Dylan - Europa Press
Un traballador de ENCE Pontevedra cun casco de traballo e acompañado de transportistas de madeira acode a unha sentada organizada na Coruña diante da Delegación do Goberno para esixir garantías de emprego, na Coruña, (Galicia), a 5 de marzo de 202. M. Dylan - Europa Press

Porque, ademais, erran na elección dos seus inimigos! Nin o alcalde, nin o BNG nin o PSOE son os responsábeis da situación á que se enfronta ENCE na actualidade, abocada a un máis que seguro peche de actividade se non muda a súa posición inmobilista de “Ou en Lourizán ou fóra do Estado español”. Porque nin o Concello, nin a Deputación nin a APDR -e tampouco a cidadanía- temos responsabilidade nesta situación. Os verdadeiros responsábeis de que se teña chegado a esta situación límite son, por esta orden, a propia ENCE, que pretendeu sempre burlar a Lei e dar solución aos seus problemas por outros medios, o Partido Popular, que facilitou sempre -de forma submisa- esa solucións “paralegais”, e as forzas sindicais que optaron sempre pola defensa dos intereses empresariais por vez de defender aos traballadores.

A decisión xudicial que hoxe os condena a abandonar Lourizán, é froito dunha actuación irregular do Partido Popular que, no seu ánimo por defender a ENCE a toda costa (a saber a que escuras razóns responde esta obsesión case enfermiza!), concedeu a prórroga ilegal agora anulada, e defender hoxe a permanencia na Ría é defender a ilegalidade, algo que non se pode admitir sexan os que sexan os métodos utilizados!

Hai moito que os traballadores de ENCE tiñan que terlle esixido aos responsábeis empresariais, coa loita obreira na fábrica, o cumprimento da lexislación e a busca dun emprazamento fóra dos terreos de dominio público que desde o 2018 ocupan ilegalmente. Tiveron 30 anos para facelo e poida que agora sexa tarde de máis! Esta declaración de guerra contra a cidadanía pontevedresa que hoxe plasmaron na Alameda, e as mostras de agresividade contra os representantes legais da nosa vila, tiñan que dirixilas contra os responsábeis de ENCE e nas instalacións fabrís!

Desde a APDR agardamos que haxa alguén entre os traballadores ou nas forzas sindicais que os representan, que sexa quen de poñer un pouco de cordura para evitar que este posicionamento contra a cidadanía pontevedresa adquira maiores dimensións.

Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta