Santiago e Ourense, as únicas cidades galegas que abandonan o nivel alto de restricións

García Comesaña tamén anunciou que O Grove será o único concello que permaneza en nivel máximo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/08/2021 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

As cidades de Santiago de Compostela e Ourense sairán do nivel alto de restricións a partir do próximo sábado tras mellorar as súas cifras de incidencia acumulada de covid-19, segundo informou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras a reunión do comité clínico que asesora á Xunta na pandemia.

Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, a 27 de febreiro de 2021
Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, a 27 de febreiro de 2021 | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

A evolución epidemiolóxica nestas cidades permite relaxar as restricións e pasarán do nivel alto ao nivel medio, de maneira que poderán reabrir os locais de lecer nocturno con horario ata as 3,00 horas, e coa obriga de presentar certificado Covid (de vacinación ou PCR negativa) por parte dos clientes que accedan ao interior, onde a capacidade se limita ao 50 %, mentres que é do 100 % en caso de terraza exterior.

No resto de establecementos hostaleiros, permitirase unha capacidade do 50% no interior (sen servizo de barra) e o mesmo para as terrazas, sen obrigación de certificado Covid. Así mesmo, neste nivel medio, restrínxense a 6 persoas as reunións en interior e a 10 en exterior, e non se permiten reunións de non convivientes entre as 3,00 e as 6,00 horas.

Ademais de Santiago e Ourense, outros 67 concellos galegos quedan a partir do sábado baixo nivel medio de restricións: Corcubión, Paderne, Ponteceso, Coristanco, Muxía, Oza-Cesuras, Vimianzo, Abegondo, Cabana, Coirós, Bergondo, Curtis, Camariñas, Carral, Cerceda, Cariño, Narón, Neda, Ares, Ortigueira, As Pontes, Cedeira, Fene, Touro, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Melide, Padrón, Teo, Valga, Carnota, Oroso, Rianxo, Silleda, Monterroso, Palas de Rei, Cospeito, Guitiriz, Cervo, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Sarria, Vilalba, Riós, Avión, A Rúa, Monterrei, Xinzo de Limia, O Carballiño, Celanova, Coles, Allariz, A Illa de Arousa, A Lama, Cuntis, Barro, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Catoira, Mondariz, Pazos de Borbén, Moaña, Mos, O Rosal, Cangas, Ponteareas e Salceda de Caselas.

NIVEL ALTO DE RESTRICIÓNS

O resto de grandes urbes galegas (A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol) manterán o nivel alto de limitacións, xunto a outros 49 concellos: Cee, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, A Laracha, Arteixo, Betanzos, Cambre, Carballo, Culleredo, Oleiros, Sada, Miño, Pontedeume, Cabanas, Muros, Ames, Ribeira, Viveiro, Burela, Foz, Chantada, Ribadeo, Xove, Outeiro de Rei, O Barco de Valdeorras, Verín, Sanxenxo, Meaño, Bueu, Cambados, Marín, Meis, Poio, Portas, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Baiona, A Guarda, Gondomar, Nigrán, O Porriño, Redondela, Salvaterra de Miño, Tui, Arbo, As Neves e Tomiño.

Nestes concellos, os locais de lecer nocturno só poden ter abertas as súas terrazas ao aire libre, cun 50 % de capacidade e con horario de peche ás 1,00 horas. O resto de establecementos de hostalaría terán reducida á metade á capacidade tanto en interior (para o que se require certificado Covid) como en terrazas.

As reunións de grupos de persoas limitaranse a 6 en interior e 10 en exterior, e non se permitirán reunións de non convivientes entre as 1,00 e as 6,00 horas.

SÓ UN CONCELLO EN MÁXIMO NIVEL DE RESTRICIÓNS

A evolución epidemiolóxica tamén permitiu relaxar as medidas establecidas en 8 concellos que foron incluídos na lista de concellos con máximas restricións tras a reunión do comité clínico da pasada semana.

Deste xeito, a partir do sábado só O Grove manterá ese nivel máximo, mentres que Burela, Foz, Viveiro, Sanxenxo, Muros, Monterroso, Meaño e Baiona verán relaxadas as súas medidas. Todos eles pasarán a nivel alto, agás Monterroso, que descende directamente a nivel medio.

No nivel máximo de restricións, os locais de lecer nocturno só terán servizo de terrazas con capacidade ao 50 % e ata as 1,00 horas, e o resto de hostalaría poderá ocupar o 30 % da súa capacidade en interior (con requirimento de certificado Covid aos clientes) e o 50 % en terrazas. Igualmente, as reunións de grupos de persoas limitaranse a 6 en interior e 10 en exterior, e non se permitirán reunións de non convivientes entre as 1,00 e as 6,00 horas.

O resto de concellos de Galicia manteranse con restricións do nivel medio-baixo: locais de lecer nocturno con 50 % de capacidade interior (e obriga de certificado Covid) e 100 % en terrazas; resto de establecementos hostaleiros con 50 % en interior e 100 % en terrazas; limitación de reunións a 6 persoas en interior e 10 exterior; e reunións de non convivientes non permitidas entre as 1,00 e as 6,00 horas.

EVOLUCIÓN EPIDEMIOLÓXICA

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, xustificou a adopción destes cambios pola boa evolución da pandemia, e explicou que Galicia ten agora unha incidencia acumulada a 14 días de 558 casos por cada 100.000 habitantes, e de 224 casos a 7 días. Con todo, recoñeceu que son datos que seguen "preocupando".

Por iso, tras lembrar que aínda "quedan semanas de esforzo", pediu extremar as precaucións de cara á ponte festiva de mediados de agosto. A ese respecto, alertou contra o "perigo" das festas privadas que, a pesar de estar "prohibidas" son o principal foco de gromos de covid-19.

Na mesma liña, o doutor José Luís Muíño, membro do comité clínico, tamén constatou que os novos contaxios prodúcense maioritariamente entre xente nova que, a pesar de que adoitan pasar a enfermidade con síntomas leves, non están exentos de acabar hospitalizados ou padecer covid persistente.

Con respecto á posible relaxación de medidas noutros territorios en próximas semanas, o conselleiro expresou a súa confianza en que a tendencia á baixa na incidencia se manteña e esa relaxación de restricións chegue "máis pronto que tarde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta