Relacionan a propagación e mortalidade da covid-19 coa perda de biodiversidade e a contaminación do aire

Científicos reclaman novas políticas para protexer os ecosistemas e rebaixar os índices de contaminación atmosférica como medidas preventivas contra futuras pandemias.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 19/08/2021 | Actualizada ás 22:07

Comparte esta noticia

A perda de biodiviersidade e a contaminación do aire semellan dous factores clave para explicar, en parte, a propagación e mortalidade da covid-19 por territorios. Son varios os estudos que apuntan nesta dirección. Un dos máis recentes –realizado por científicos de España, Estados Unidos, Nova Zelandia, Italia e Grecia– advirte de que “a pandemia de covid-19 é probablemente unha consecuencia relacionada coas crises globais de perda de biodiversidade e saúde ambiental”.

Contaminación por gases
Contaminación por gases | Fonte: DUVI.

A hipótese que manexa a comunidade científica é que factores ambientais, a calidade dos ecosistemas e a biodiversidade teñen impacto na propagación da covid-19 e na evolución da mortalidade.

"Hai unha relación significativa entre a perda de biodiversidade, un alto nivel de contaminantes atmosféricos e unha diminución da calidade do aire coa propagación da infección covid-19 e a súa mortalidade”

Partindo desas premisas, neste estudo compilaron datos de 160 países que “revelan unha asociación estatisticamente significativa entre a infección por covid-19 e varios factores de interese a nivel de país e cidade, como o índice nacional de biodiversidade, a calidade do aire e os elementos contaminantes (PM10, PM2.5 e O3)”, explican.

“Particularmente, hai unha relación significativa entre a perda de biodiversidade, un alto nivel de contaminantes atmosféricos e unha diminución da calidade do aire coa propagación da infección covid-19 e a súa mortalidade”, afirman.

Estes científicos lembran que unha das principais causas das pandemias e epidemias é a estreita interacción entre poboacións humanas e animais domesticados e salvaxes que transportan axentes patóxenos, á vez que os cambios no clima e o tempo continúan impactando nos ecosistemas do planeta e, polo tanto, tamén nos reservorios naturais e hóspedes que actúan como vectores de transmisión. Os expertos apuntan a evidencia científica de que “a aparición intensificada de patóxenos infecciosos tamén se pode atribuír ao cambio climático, á perda de biodiversidade, á degradación do hábitat e a un aumento da taxa de interaccións entre humanos e fauna silvestre”.

Son varios os estudos que sinalan que unha redución da riqueza e uniformidade da biodiversidade provoca a desaparición dunha parte clave do ecosistema que serve de amortecedor para a propagación de enfermidades infecciosas en humanos, animais e plantas. E suxiren que a transmisión de enfermidades aumenta coa perda de biodiversidade.

Para comprobalo, os científicos recolleron e analizaron datos sobre a pandemia de covid-19 de 160 países, as medidas adoptadas polos distintos gobernos, datos económicos e tamén climáticos e medioambientais relacionados coa biodiversidade, os ecosistemas, a calidade do aire ou as precipitacións e as temperaturas.

“A nosa investigación centrouse na asociación de factores ambientais, de biodiversidade e de ecosistema coa propagación e mortalidade da covid-19 entre o 21 de xaneiro e o 18 de maio de 2020, onde axustamos varios factores sociodemográficos, de distanciamento social e de nivel de ingresos”, explican.

O que atoparon, en primeiro lugar, foi unha asociación da propagación e mortalidade da covid-19 co índice de biodiversidade nacional, de xeito que “o nivel de biodiversidade dun país tivo un impacto moderado na propagación da enfermidade”, aportan.

“O grao de biodiversidade dun país asociouse inversamente á propagación da covid-19”, sinalan os autores da investigación, que engaden: “Canto máis baixas son as variacións do país en niveis xenéticos, especies e ecosistemas, maior é o impacto nos niveis de propagación da covi-19”.

“Canto maior é o nivel de contaminación atmosférica, maior é a influencia dese factor na propagación e mortalidade da covid-19”

Os datos tamén suxiren que “a propagación do virus é menor nos países con temperaturas máis altas”, se ben a relación atopada entre temperatura e covid-19 non é tan forte.

En terceiro lugar, ao poñer o foco entre unha posible asociación da propagación e mortalidade da covid-19 coa calidade do aire, constataron que “canto maior é o nivel de contaminación atmosférica, maior é a influencia dese factor na propagación e mortalidade da covid-19”. 

En definitiva, os seus descubrimentos, din, “suxiren que existe unha relación entre os factores de biodiversidade e a propagación da covid-19”.

PROTEXER A BIODIVERSIDADE

Os científicos recordan que “a aparición da covid-19 puxo de manifesto a importancia extrema do combate contra a perda de biodiversidade”, cunha “evidencia crecente da relación entre esta nova enfermidade e a redución da biodiversidade” que, na súa opinión, “require unha atención urxente”.

Así, lembran que “nun ecosistema con máis biodiversidade, a propagación rápida do patóxeno é máis difícil”, mentres que “a perda de biodiversidade pode afectar a transmisión de enfermidades infecciosas e ofrece unha oportunidade para que os virus salten entre animais e persoas”.

Como xa pediron máis científicos e a propia ONU, recordan que “a preservación e a xestión sostible da biodiversidade poden ser necesarios para mitigar a interrupción climática e previr as pandemias co fin de protexer a saúde e o benestar das xeracións vindeiras”.

Neste sentido, outro estudo recente achega máis evidencias de que a conversión de hábitats naturais en ecosistemas agrícolas ou urbanos pode influír no risco e na aparición de enfermidades zoonóticas nos humanosos, nos que animais salvaxes que se sabe que son hóspedes de patóxenos e parasitos que poden saltar aos humanos, convértense en importantes poboacións locais neses sitios onde os humanos transformaron os hábitats naturais.

Estes investigadores, do University College de Londres, afirman que “o uso da terra ten efectos globais e sistemáticos sobre as comunidades hospedadoras zoonóticas locais”, sendo o efecto “máis forte para as enfermidades zoonóticas con especies hospedadoras como roedores, morcegos e aves paseriformes”.

“A pandemia de covid-19 é probablemente unha consecuencia relacionada coas crises globais de perda de biodiversidade e saúde ambiental”

Os científicos de Londres tamén destacan que as especies de mamíferos que albergan máis patóxenos en xeral (compartidos ou non por humanos) son máis propensas a producirse nos ecosistemas xestionados polo ser humano.

“Os nosos resultados suxiren que os cambios globais no modo e na intensidade do uso da terra están creando interfaces en expansión perigosas entre persoas, gando e reservas de animais salvaxes de enfermidades zoonóticas”, advirten.

Agora, o grupo de científicos de España, Estados Unidos, Nova Zelandia, Italia e Grecia achega máis evidencias da conexión entre a perda de biodiversidade e os brote de enfermidades infecciosas.

“A pandemia de covid-19 é probablemente unha consecuencia relacionada coas crises globais de perda de biodiversidade e saúde ambiental”, insisten estes investigadores, que lembran que “a redución da contaminación atmosférica e a preservación da biodiversidade son problemas complexos que dependen das accións gobernamentais e dos recursos financeiros”. Por iso, consideran que os seus descubrimentos poden axudar a gobernos a planificar políticas ambientais e de saúde, como estratexia alternativa para responder a novos gromos de covid-19 e previr futuras crises epidémicas.

“Os nosos descubrimentos proporcionan unha base empírica para futuros estudos sobre a relación entre as variables de calidade do aire, a biodiversidade dun país e a transmisión e mortalidade da covid-19”, din.

UNHA OPORTUNIDADE PARA REBAIXAR A CONTAMINACIÓN

Desde practicamente o inicio da crise sanitaria da covid-19, científicos de todo o mundo veñen publicando investigacións que suxiren unha posible relación causal entre a mala calidade do aire que respiramos e un maior impacto da enfermidade causada polo coronavirus SARS- CoV-2.

A comunidade científica manexou principalmente dúas hipóteses: a primeira investiga se as propias partículas contaminantes son capaces de transportar de forma viable o virus, favorecendo a súa difusión e podendo aumentar os contaxios; a segunda céntrase no maior risco cardiorrespiratorio que teñen as persoas expostas de forma habitual a altos niveis de contaminación do aire, o que podería complicar o desenvolvemento da enfermidade causada polo novo coronavirus.

"A contaminación química do aire, especialmente o dióxido de nitróxeno (NO2), está relacionada coa incidencia e gravidade da covid-19 en España”

No Instituto de Salud Carlos III, en Madrid, levan meses estudando esta posible relación entre contaminación do aire e incidencia e propagación da covid-19 e do SARS-CoV-2. Nunha nova achega, os investigadores explican que os resultados dos seus estudos “demostran que a contaminación química do aire, especialmente o dióxido de nitróxeno (NO2), está relacionada coa incidencia e gravidade da covid-19 en España”.

Non só iso. Na súa investigación observaron, ademais, que as intrusións de po sahariano, comúns na península ibérica, tamén inflúen na incidencia da covid-19 e nas taxas de ingresos hospitalarios por esta enfermidade.

En definitiva, “os resultados deste estudo demostran que a contaminación química do aire, especialmente o NO2, está relacionada coa incidencia e gravidade da covid-19 en España”, e que “as intrusións do po sahariano teñen un efecto máis aló do que se lle pode atribuír á contaminación atmosférica”, conclúen estes autores.

Segundo un amplo estudo observacional multicéntrico que se presentou no Congreso Europeo de Microbioloxía Clínica e Enfermidades Infecciosas (ECCMID), celebrado o pasado xullo, a exposición a longo prazo a niveis elevados de contaminantes atmosféricos, especialmente ás partículas finas ( PM2,5), parece ter unha influencia significativa nos resultados das persoas hospitalizadas por coronavirus.

Os investigadores descubriron que canto maior é a exposición, maior é o risco. Cada pequeno aumento na exposición a longo prazo ás PM2,5 asociouse con máis do triplo de probabilidades de recibir ventilación mecánica e o dobre de probabilidades de permanecer na UCI entre ingresados por covid-19.

Ademais, o estudo chama a atención sobre as “desigualdades sistémicas que poden conducir ás marcadas diferenzas nos resultados da covid-19 en función da raza e a etnia”, afirmou a doutora Anita Shallal, do Hospital Henry Ford de Detroit, en Estados Unidos. Segundo esta experta, as comunidades de cor teñen máis probabilidades de estar situadas en zonas máis próximas á contaminación industrial e de traballar en empresas que as expoñen á contaminación atmosférica.

Os expertos cren que é posible que a exposición a longo prazo á contaminación atmosférica poida deteriorar o sistema inmunitario, o que conduce tanto a unha maior susceptibilidade aos virus como a infeccións  víricas máis graves.

“Unha multitude de estudos demostran que a exposición a longo prazo a un aumento da contaminación do aire ambiente está asociada a un maior risco de infección e morte por covid-19”

Outros estudos recentemente publicados mostran tamén unha asociación entre a contaminación do aire ambiente e peores resultados da covid-19.

Por exemplo, un traballo de revisión publicado en Annals of the American Thoracic Society, en abril deste ano, no que se revisou a investigación sobre posibles relacións entre a contaminación, os virus respiratorios e o impacto na saúde, afirma que “unha multitude de estudos demostran que a exposición a longo prazo a un aumento da contaminación do aire ambiente está asociada a un maior risco de infección e morte por covid-19”.

“Historicamente, a contaminación atmosférica foi asociada a peores resultados de saúde, incluíndo maior mortalidade, doutros virus respiratorios, como a gripe. Agora, novas investigacións sobre a covid-19 engaden máis evidencias dos efectos adversos da contaminación atmosférica e a necesidade urxente de abordar a crise de contaminación en saúde pública”, advirten os autores deste traballo, que consideran que “a pandemia de covid-19 puxo de manifesto as consecuencias xeneralizadas da contaminación atmosférica para a saúde, incluídos os efectos agudos sobre as defensas inmunes respiratorias e os efectos crónicos que conducen a un maior risco de enfermidade cardiopulmonar crónica e síndrome de dificultade respiratoria aguda”, apuntan.

“Estes efectos crónicos sobre a saúde probablemente explican o aumento da mortalidade por covid-19 entre as persoas expostas a un aumento da contaminación atmosférica”, conclúen.

Por iso tamén consideran que “a covid-19 é un toque de atención” que nos debe levar a aplicar políticas que permitan manter un “aire máis limpo” nas zonas habitadas, con normas “máis estritas” para “acabar coa nosa tolerancia coa contaminación”, sobre todo “en barrios desfavorecidos”. Na súa opinión, na era postpandemia “debemos limpar o aire para mellorar a saúde respiratoria e a igualdade en todo o mundo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta