Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 14:24
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres as accións que a administración provincial vai levar a cabo neste mes de agosto para promover o proxecto 'Depomar', iniciado o pasado mes de marzo. A través deste proxecto a Deputación pon en marcha accións de sensibilización e de comunicación como un código boas prácticas, recursos audiovisuais, unha campaña concienciación ou unha xornada técnica.
Así, búscase fomentar a sensibilización ambiental e a conciencia ecolóxica entre diferentes sectores e a cidadanía en xeral, con respecto aos impactos do ser humano e á importancia da protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos Rede Natura 2000.
Así mesmo, busca reforzar o liderado e o empoderamento das mulleres profesionais do mar, valorizar e dar visibilidade á profesión da muller mariscadora, reforzando a sustentabilidade do sector de marisqueo a pé, a identidade territorial e o valor das zonas costeiras Rede Natura 2000.
"O papel da muller é fundamental na sociedade, por iso hai que darlle voz", dixo Carmela Silva nesta presentación na que estivo acompañada de representantes do sector. Silva trasladou que en Galicia hai 3.792 mariscadores a pé dos que 2.722 son mulleres (71.78%), o 62,64% da provincia de Pontevedra.
Neste sentido, destacou que as mariscadoras son axentes sociais activos con importante labor non só para actividade pesqueira senón tamén en conservación de espazos naturais protexidos onde faenan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.