Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 14:51
Ecoloxistas en Acción vén de emitir un comunicado de rexeitamento do acoso de ENCE á cidadanía de Pontevedra. Nel sinalan que a "violencia e agresividade" mostrada polos traballadores de ENCE no boicot do pregón das festas da Peregrina foi un "acto meticulosamente programado", onde "cada cal tivo a súa tarefa e o seu papel na utilización de artefactos explosivos e botes de fume". "Nese reparto de papeis", denuncian, tamén estaban concelleiros do Partido Popular que "consentiron e apoiaron" os feitos cando "mudaron a chaqueta polo chaleco pro-ENCE en dito acto".
A organización ecoloxista considera que "a lexítima defensa dos dereitos laborais é incompatible coa defensa dos privilexios empresariais e os intereses espurios de ENCE en Lourizán, incluída a supeditación da política forestal galega ás necesidades de eucaliptización de ENCE".
Ante a "constante contaminación" desta fábrica e ante a violencia vivida no pasado pregón das festas, Ecoloxistas en Acción apela ás forzas sindicais para que "xurdan formulacións que neutralicen estes actos contra a cidadanía de Pontevedra e bisbarra", no proceso de cumprimento da sentencia xudicial que garanta o cumprimento da lei e a saída da “tano-fábrica” de ENCE de Lourizán, onde, manifestan, "xamais debeu estar". Así mesmo, a organización sinala como únicas responsables do "tempo perdido na procura de alternativas ás persoas empregadas" a ENCE e á Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.