Así é a enfermidade de Lyme... O mal silencioso que transmiten as picaduras de carrachas

As condicións climáticas e a vexetación do Noroeste Peninsular fan que este sexa un lugar idóneo para a presenza de carrachas, por iso é importante coñecer cales son os seus perigos e como actuar ante unha picada para previr enfermidades como o Lyme.

Por Carlota Álvarez | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Con tan só 7 anos, unha carracha picou a Andrea Vázquez. No momento non tivo importancia pero, co paso do tempo, empezou a ter consecuencias; con 16 anos comezou a desenvolver a enfermidade do Lyme e dende entón, aos seus 38 anos, segue loitando contra ela, tras ser diagnosticada, 10 anos despois dos primeiros síntomas, co que se coñece como Lyme crónico.

Enfermidade de Lyme causada por carrachos.
Enfermidade de Lyme causada por carrachos.

A vexetación e o clima húmido do Noroeste Peninsular fai que Galicia sexa o hábitat perfecto para a carracha lxodes ricinus, a principal transmisora de Borrelia burgoferi, bacteria que nas persoas transmite a Enfermidade do Lyme. A tese doutoral Dinámica de poboacións das carrachas exófilas no noroeste de España, da investigadora Susana Remesar Alonso, apunta a unha maior concentración de carrachas no noroeste da península, sendo a provincia de Lugo unha zona de risco polas picadas destes animais. 

"Cantos máis animais haxa na zona, as carrachas terán máis oportunidade de alimentarse deles e, polo tanto, de reproducirse. Por iso as carrachas son máis frecuentes nas zonas rurais que nas urbanas, aínda que poden reproducirse e cada vez son máis frecuentes en parques e xardíns", explica a doutora en Ciencias Biolóxicas, Patrocinio Morrondo Pelayo. 

Porén, máis alá do Lyme, as carrachas poden ser transmisoras doutras enfermidades de tipo bacteriano, parasitario ou vírico, por iso é necesario evitar as picaduras e saber como actuar ante unha. Elisa Vázquez relata como o descoñecemento da enfermidade fixo que a súa irmá Andrea estivese durante anos sen un diagnóstico claro: “Realmente nunca o relacionamos coa picada da carracha ata 10 anos despois, cando miña irmá, despois de moita investigación e moitos anos de atoparse cada vez peor, pasando dun diagnóstico a outro, chegou ao coñecemento da enfermidade do Lyme. Nunca soubemos que as carrachas transmitían esa enfermidade, polo que para nós era case imposible relacionalo”.

É fácil que pasen desapercibidas e cando as vexamos xa transcorreran 2 ou 3 días e xa se alimentaran da nosa sangue e xa nos puideron transmitir diversos tipos de bacterias, virus ou parasitos que nos produzan algunha enfermidade

As carrachas son uns animais parasitarios que se alimentan de diferentes hospedadores, como as aves ou mamíferos, entre os que se poden atopar os humanos. “É fácil que pasen desapercibidas e cando as vexamos xa transcorreran 2 ou 3 días e xa se alimentaran da nosa sangue e xa nos puideron transmitir diversos tipos de bacterias, virus ou parasitos que nos produzan algunha enfermidade”, explica Morrondo. A transmisión da maioría das infeccións prodúcese ás 48-72 horas da picada, como explica a profesora, por iso é importante retiralas cando piquen, para evitar o posible contaxio. Pola súa banda, Elisa Vázquez, apunta que nalgúns casos aparece unha reacción na pel, pero que no caso da súa irmá nunca se chegou a producir, o que dificultou unha posterior relación.

A IMPORTANCIA DO COÑECEMENTO

É importante ser coñecedor dos perigos que pode supoñer unha picadura de carracha, para así saber como actuar. “Fai 20 anos non había ningunha consciencia con respecto a isto”, apunta Vázquez, “pero agora é verdade que se están dando máis casos e hai unha rede enorme de pacientes de Lyme en España”. Son estas redes, como apunta, ás que recorren os enfermos, que se ven apoiados por outras persoas que sofren a mesma enfermidade. É o exemplo da asociación ALCE, formada por doentes de Lyme e que se fundou co obxectivo de visibilizalo e dar a coñecer tratamentos e formas de previr as picadas. Porén, Elisa Vázquez critica que a día de hoxe aínda hai sanitarios que descoñecen a enfermidade e que as investigación para atopar tratamentos para os enfermos crónicos son insuficientes.

Con respecto a isto, Morrondo recoñece que “cada vez se está dando máis importancia a enfermidades que nos poden transmitir as carrachas ou outros artrópodos como os mosquitos, e estase alertando ás persoas da importancia que ten evitar que as carrachas nos piquen”. Ademais, apunta que noutros países si se utilizan sinais en zonas como lindes de camiños ou abundante vexetación nas que se detectan concentración de carrachas, advertindo dos seus riscos.

Para concienciar sobre isto, Elisa Vázquez iniciou unha campaña no 2020 a través da plataforma Osoigo para concienciar sobre a enfermidade do Lyme. Porén, a pesar da visibildiade que se lle deu no momento, critica a necesidade de destinar máis diñeiro á investigación. “Con isto non lle dou voz á miña irmá, senón ao que ocorre en xeral no mundo do Lyme crónico. Pero pasan os anos e vaste cansando de non ver ver resultados”.

PREVIR AS PICADAS

Ir con roupa que que cubra todo o corpo e examinala ao chegar á casa: é o consello que dan tanto Morrondo como Vázquez, que insiste na importancia de ter coidado. “Sempre que se fagan actividades ao aire libre, especialmente en lugares nos que haxa abundante vexetación, débese ir con roupa de cor claro que cubra todo o corpo”. Ademais, a profesora explica que no caso de sufrir unha picada, extraela con pinzas o máis preto da “cabeza” ou capítulo. “Hai que desinfectar a zona na que nos picou e acudir a un centro sanitario, especialmente se temos síntomas parecidos aos dunha gripe, inchazón ou avermellamento da zona”, engade Morrondo. Ademais, tamén se recomenda levar o animal ao Centro de Saúde ao que acudamos para que poidan determinar se está infectado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xan C

Así é a enfermidade de Lyme... Boas, non é con ánimo de incordiar, pero coido que lin toda a noticia con atención e non atopei nela nada que conte como é dita enfermidade, salvo que se pode transmitir pola picadura de carracha. Un saúdo.