(Vídeo) "Pinsas" italianas, un produto gourmet feito en Cea que están nos mellores restaurantes da Península

Nicola Morganti, de pai italiano e nai galega, abriu o seu negocio en Cea, a terra do pan. Neste reportaxe e vídeo conta como en fornos tradicionais elabora “pinsas”, un produto tradicional romano.

Por Carlota Álvarez | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Aos seus 29 anos, Nicola Morganti decidiu abrir no rural galego o seu negocio: un obradoiro especializado en pinsas. Ao preguntarlle que son as pinsas, el defíneas como un produto que ten a súa orixe nos tempos romanos: “facíanas os campesiños e a xente pobre, mesturando cereais, fermentando a masa e estirándoa”. De feito, pinsa provén do latín, pinsare, que significa “dar forma, ou calcar”.

Nicola Morganti, dono de La Pinsa di Nico
Nicola Morganti, dono de La Pinsa di Nico | Fonte: Imaxe Propia

Nicola estudou un dobre grado en Marketing e Dirección de Empresas en Madrid, un máster en California, traballou en Cangas nunha importadora e exportadora de pescados e nunha fábrica de produtos de Quinta Gama na Pobra do Caramiñal. Pero o mundo da cociña sempre estivo preto del: “Eu medrei entre fogóns”, afirma. Pai italiano e nai ourensá, ambos foron emigrantes en Suíza, onde se coñeceron. Ao seu regreso a Galicia, montaron o seu propio negocio, cociñas entre as que corría Nico, que se considera un “cu inquedo”.

Unha das súas paixóns é viaxar, e foi nunha desas viaxes por Italia cando no cartel dunha tratoria tradicional leu a palabra “pinsa”. Dende ese momento comezou a preguntar e informarse, interesouse por este produto tan antigo nun país onde o “mundo pizza está saturadísimo”. “Explicáronme que era e a raíz de aí investiguei, puxémonos a formular e para chegar aí estivemos ano e pico, probando fariñas e resultados”, explica Morganti. Foi entón, cando en decembro do 2018 decidiu abrir “La Pinsa di Nico” na terra do pan, Cea.

APOSTA POLO RURAL

Morganti criouse en Ourense, e sempre lle gustou a aldea. Recorda como en fronte da casa dos seus avós había un forno de leña antigo, no que os veciños cocían pan para un mes. “Meus avós cocían, e sempre houbo esa tradición, son cousas que che sonan”. A aposta polo rural ten as súas razón: “o rural estase a perder e isto é unha posta en valor. Estes fornos non os atopas no centro dunha cidade”. No seu obradoiro hai tres fornos tradicionais nos que coce os seus produtos. Pero anos atrás, neses mesmos fornos o que se cocía era pan de Cea. “Se algo do que me sinto orgulloso como galego é do Pan de Cea,  e da súa Denominación de Orixe”, comenta o italiano.

Morganti abriu o seu negocio nunha das localidades galegas con máis tradición panadeira, pero desvinculándose dos produtos que se fan na zona. “A pinsa é un produto novidoso que coñecín en Italia, pero tamén me gusta facer os meus propios pans sen seguir normas”. Ademais, el considerase moi pizzeiro, e asegura que na súa casa é tradición comer pizza (e agora pinsa), cada domingo.

Pero máis alá das pinsas, ás que considera como “a marca da casa, a súa nena pequeña”, polas súas mans tamén pasan diferentes tipos de pans, como de hamburguesa, focaccia, ou pan de molde. En todos as súas elaboracións aposta polo natural e os produtos de proximidade.

Con respecto ás pinsas, destaca que é unha mestura entre a pizza e a foccacia, un produto máis saudable que ten unha fermentación maior. Para a súa elaboración empregan aceite extremeño, sal da baía de Cádiz e cereais naturais. Para darlle máis valor, utilizan uvas dos viñedos do viticultor Emilio Rojo para a fermentación.

Tradición e innovación mestúranse neste obradoiro, situado en Castrelo, unha pequena aldea ceense. Agora mesmo están experimentando cun pan de alga. “Cada ano intentamos implementar novos produtos”, comenta Morganti.

TRAS UN ANO ABERTOS, A CRISE DO CORONAVIRUS

Despois de 3 anos da apertura de “La pinsa di Nico”, os seus produtos poden probarse en diferentes restaurantes, non só de Galicia, senón de España e Portugal. A súa clientela é principalmente a restauración, pero tamén venden a través da súa páxina de Internet. Ademais, están traballando na apertura dunha tenda na que vender directamente as pinsas, pans e as demais variedades que elaboran en Cea.

Dedicándose principalmente á hostalaría, a crise do coronavirus afectoulles de maneira profunda, mais no obradoiro seguen loitando polas súas ilusións. Actualmente con Morganti traballa unha persoa máis, cadro de persoal que reduciron por mor da crise. “Despois do primeiro ano abertos, que é o máis duro, sacudiunos o coronavirus. Os inicios son duros, case quedo calvo”, rise o emprendedor. “Pero seguimos traballando, que non é pouco, cada día con máis ilusión e máis ganas. Para traballar é moi importante seguir a gusto”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta