O turismo pontevedrés volve a datos prepandemia tras un verán "espectacular"

A ocupación media dos establecementos hoteleiros da provincia de Pontevedra no mes de agosto foi do 83%, segundo os datos do Observatorio de Turismo Rías Baixas que deu a coñecer este venres a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2021 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

A ocupación media dos establecementos hoteleiros da provincia de Pontevedra no mes de agosto foi do 83%, segundo os datos do Observatorio de Turismo Rías Baixas que deu a coñecer este venres a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Estes datos, obtidos en base a "estatísticas serias e rigorosas" elaboradas por unha empresa contratada para ese efecto, igualan as cifras do mes de agosto do ano 2019, antes da pandemia.

"Os resultados só poden ser cualificados en Rías Baixas como espectaculares", valorou Carmela Silva. "Tanto que non só converten a Pontevedra provincia no territorio con máis visitantes de toda Galicia senón nunha das zonas 'top' de todo o Estado español no mes de agosto", engadiu.

Carmela Silva destacou a importancia da "boa promoción" deste destino como "destino seguro, sustentable e multiexperencial" que se reflicte no feito de que o 95% dos visitantes foron nacionais cunha media de idade entre 35 e 60 anos que permanecen na provincia entre 7 e 15 días manifestando un interese prioritario polo lecer (41%) e pola cultura (34%). "Hai que escapar do monocultivo turístico", sinalou a mandataria provincial.

POR COMARCAS

Por comarcas, a do Morrazo rexistrou en agosto unha media do 85%; O Salnés obtivo media do 88,4%; o Baixo Miño, un 87,5%; a comarca de Vigo tivo unha ocupación do 87%; a de Pontevedra logrou un 85%; Deza-Tabeirós-Terra de Montes conseguiu un 74% e finalmente o Condado-A Paradanta un 73%.

Por concellos, Baiona lidera a ocupación en agosto cunha media do 90%; seguida de Sanxenxo, cun 89%; e de Vigo, tamén cun 89% (con picos do 100% en O Marisquiño, San Roque e nas fins de semana); O Grove co 87,2%; e Pontevedra cidade, cun 82,2%.

Mención aparte fixo a presidenta da Deputación aos datos "impresionantes" logrados polo turismo rural cunha ocupación media do 90,7% e as vivendas turísticas da provincia un 99%. Os cámpings rexistraron un 70% de ocupación.

Tamén o Castelo de Soutomaior obtivo "o mellor dato da súa historia", con 8.008 visitantes que pasaron por despacho de billetes, sen contabilizar a aqueles que unicamente percorren o xardín.

A previsión "prudente" de ocupación hoteleira para este mes de setembro que espera o Observatorio de Turismo Rías Baixas é dun 43%, para o turismo rural a estimación é dun 36%, cámpings 28% e vivendas turísticas dun 60%.

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta